O Pleno de Caldas aproba medidas para a protección e rexeneración do monte Xiabre

Umia
11 de agosto 2022

O Pleno Extraordinario celebrado este xoves aprobou por unanimidade dos tres grupos políticos con representación no Concello de Caldas de Reis unha serie de medidas en relación ao incendio sufrido no Monte Xiabre, na parroquia de Saiar

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis / Mónica Patxot

O Pleno Extraordinario celebrado este xoves aprobou por unanimidade dos tres grupos políticos con representación no Concello de Caldas de Reis unha serie de medidas en relación ao incendio sufrido no Monte Xiabre, na parroquia de Saiar.

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, considera que "é unha moción pioneira en Galicia" porque, aínda non sendo unha competencia municipal, "desde Caldas queremos promover a cooperación interinstitucional", tamén co Concello de Vilagarcía e con todos os axentes afectados "para evitar que os veciños das parroquias de Saiar, en Caldas, e de Cea, en Vilagarcía, sigan sufrindo estes incendios recorrentes, así como en calquera outra parroquia".

En total son oito as medidas aprobadas polo Pleno, entre as que se insta á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a que colaboren cos recursos necesarios para facilitar a recuperación e reforestación das hectáreas queimadas na parroquia de Saiar.

Aprobouse a inclusión da cantidade de 10.000 euros nos próximos orzamentos municipais para cubrir os gastos soportados pola Comunidade de Montes de Saiar, e para compensar polos danos ocasionados de forma reiterada nos incendios sufridos no Monte Xiabre por esta Comunidade.

Tamén se recoñece e agradece o labor efectuado por todos os medios de extinción de diferentes administracións e agrupacións que se desprazaron ata a zona, e en particular á Policía Local e a Agrupación de Protección Civil de Caldas, que garantiron todos eles a seguridade da veciñanza da parroquia de Saiar ata lograr a extinción total do incendio.

Exponse a construción e acondicionamento de pozos de auga, aproveitando a auga das traídas e dos regatos de caudais continuos, para situar pozos de recarga de motobombas en zonas de difícil acceso, nas área de maior afección de incendios, para o que se exporá a posibilidade de financiamento en colaboración coa Consellería do Medio Rural.

Acordouse estudar a viabilidade para adaptar o aeródromo de Caldas, en Godos, como punto de recarga e abastecemento de combustible das avionetas e helicópteros, aproveitando as infraestruturas existentes e a proximidade do río Umia.

Doutra banda, estudarase a posibilidade de introducir sistemas silvopastoriles como mecanismo de control de vexetación.

Tamén se require avanzar na reestruturación parcelaria de Godos e Saiar, solicitando á Xunta a finalización das mesmas coa entrega dos correspondentes títulos de propiedade definitivos, para que cada veciño poida xestionar as súas parcelas, actualmente moi descoidadas.

Considérase que é tarefa de todos sensibilizar aos veciños sobre a necesaria limpeza das parcelas para previr os incendios, para que os esforzos das institucións e as comunidades de montes véxanse acompañadas polo conxunto da poboación da zona.

E, finalmente, acordouse que o Concello de Caldas contratará un enxeñeiro forestal para estudar a implementación de todas estas medidas e valorar en detalle as accións para levar a cabo para previr novos incendios no Monte Xiabre.