O Pleno de Bueu aprobou o Plan Normativo para o ano 2022 que permitirá tramitar sete regulamentos

Bueu
05 de abril 2022

No pleno aprobáronse por unanimidade tres mocións conxuntas en apoio aos familiares dos desaparecidos no Villa de Pitanxo, outra de condena da invasión rusa sobre Ucraína e a última para instar ao goberno español a reconsiderar o cambio de postura sobre o Sáhara Occidental

Pleno do Concello de Bueu
Pleno do Concello de Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu levará adiante este 2022 a modificación e a aprobación de regulamentos que permitirán atender situacións novas ou actualizar os que quedaron obsoletos. Así valorou Félix Juncal, alcalde de Bueu, o que suporá a aprobación do Plan Normativo 2022, que se aprobou na sesión plenaria deste luns, 4 de abril, cos votos a favor de BNG e PP, a abstención de ACB, mentres que o PSOE estivo ausente. 

Este plan é un requisito imprescindible para levar adiante a aprobación dos textos regulatorios para este ano e que se dividen entre modificacións e novas normativas. No primeiro caso estarían a ordenanza de terrazas, que substituiría á de 2012 e coa que se agarda dar cumprimento ás novas realidades xurdidas; a do mercado municipal de abastos, que actualizará a de 2005; a de ruídos e vibracións, que permitirá contar cun novo texto que supere o do 1996; e a de venda ambulante e de produtos do campo, que actualizará a de 2005.

En canto á nova normativa, o goberno local agarda contar neste ano cunha ordenanza de caravanas e autocaravanas, un regulamento para a xestión de uso da piscina, e unha ordenanza da administración electrónica. Antes da aprobación de cada unha destas normativas, e segundo se estipula na lei, lanzarase unha consulta pública a través do portal web municipal, coa que se recabará información e a opinión da cidadanía.

Sobre este asunto, Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao goberno local que "pasaron catro anos dende a aprobación do último plan normativo e algunhas normativas aínda non se aprobaron, polo que se debería dar unha explicación". Julio Villanueva, de ACB, manifestou a abstención do seu partido porque "para nós faltaría incluír unha normativa de tráfico". Pola súa banda Xosé Leal, voceiro do BNG, salientou que "somos conscientes de que faltan normas pero temos que ser realistas co que podemos levar a cabo".

No pleno aprobáronse por unanimidade tres mocións conxuntas en apoio aos familiares dos desaparecidos no Villa de Pitanxo, outra de condena da invasión rusa sobre Ucraína e a última para instar ao goberno español a reconsiderar o cambio de postura sobre o Sáhara Occidental.

PLENO ORZAMENTOS

Por outra banda, este xoves, 7 de abril, terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria para a aprobación inicial do orzamento, cadro e anexo de persoal do concello de Bueu correspondente ao ano 2022. Este pleno, que se celebrará ás 13.00 horas no Centro Social do Mar, tamén servirá para aprobar a modificación da ordenanza fiscal nº5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.