O pleno do Concello de Marín deu luz verde aos pregos que compoñen o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha prestación básica dos Servizos Sociais, que consiste na prestación de coidados e apoio asistencial a persoas que non son autónomas á hora de levar adiante as actividades básicas da vida diaria (sobre todo, persoas anciás pero tamén hai perfís de calquera idade que presentan necesidades específicas).
Existen dúas modalidades deste servizo, a que se presta ás persoas dependentes e a de libre concorrencia, que é para aquelas que teñen solicitado que se lles recoñeza o grao de dependencia pero que aínda están pendentes do mesmo.
Cunha inversión que chegará aos 7 millóns de euros, incluíndo os dous anos de prórroga, trátase dun dos contratos máis cuantiosos do Concello de Marín.
A alcaldesa, María Ramallo, explicou durante a sesión plenaria, que este é un contrato complexo e de gran custo para as arcas municipais, posto que sumando o prezo das 70.500 horas anuais que se prevén para a realización do servizo, dá un total de 1.643.635 euros por ano. O contrato ten unha duración de 2 anos con dúas prórrogas posibles, polo que o valor estimado do contrato en total será de 7,2 millóns de euros.
Ramallo detallou que Marín conta nestes momentos con 89 usuarios de Dependencia, a gran maioría deles cun grao III, o máis elevado, e 6 de libre concorrencia. Ademais, informou de que o contrato suporá unha subrogación de todo o persoal que actualmente está executando este servizo a través de dúas empresas.
Unha vez aprobado polo Pleno, agora iniciarase o trámite de adxudicación para poder avanzar e licitar canto antes este servizo tan esencial, que engloba tarefas en tres ámbitos de actuación: Atención persoal, atención ao fogar e integración no entorno, como poden ser os desprazamentos fóra do domicilio ou actividades para manter as facultades cognitivas facilitando a relación coa familia e amigos.