O Pleno extraordinario do próximo luns 12 de abril de 2021 abordará unha petición da Xunta de Galicia reiterando a posta a disposición por parte do Concello de Pontevedra da parcela para a residencia da terceira idade na zona da Eiriña, na denominada Unidade de Actuación 18.
Despois da celebración dunha Xunta de Portavoces, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou este mércores que neste asunto "temos unha discrepancia" xa que o Goberno local considera que "non é imprescindible" que se aprobe esta cuestión nun acordo plenario, pero a Xunta esixe este requisito.
"A Lei de Grandes Cidades permítenos que a cesión de parcelas a poida facer a Xunta de Goberno", como xa se fixo este martes, comentou Fernández Lores. "Mesmo houbo unha posta a disposición para que eles vaian facendo o proxecto e presentando a licenza", engadiu.
Fernández Lores comunicou á conselleira de Política Social, Fabiola Martínez que este luns celebrarase o pleno no que se aprobará esta cesión "para cumprir a vontade da Xunta", dixo o alcalde. "Que non sexa por iso que non se faga canto antes a residencia", engadiu respecto a a que será a segunda de carácter público de Pontevedra despois da de Campolongo.
Segundo trasladou o rexedor, a conselleira informoulle que os técnicos "están en fase de elaboración do proxecto" para un xeriátrico de 120 prazas que se construirá neste solar de 5.455 metros cadrados situado á beira da rúa Doce de Novembro.
A Fundación Amancio Ortega financiará e executará esta obra que ten un custo previsto de doce millóns de euros. O prazo de execución desta actuación será de entre 18 e 22 meses.