A Plataforma de Afectados polas Preferentes de Marín e Pontevedra recibirá unha subvención do Concello de Pontevedra despois de que o goberno municipal aprobase no Pleno celebrado este martes un cambio na modificación de crédito de 4 millóns que formulara, incluíndo unha partida de 10.000 euros destinados a gastos de xestión e asesoramento do colectivo.
Os afectados, que de novo asistiron á sesión plenaria despois de forzar a suspensión da anterior, non puxeron impedimentos a que continuase o Pleno, aínda que despois de que a voceira da plataforma Carmen Freire criticase a xestión política neste asunto: "deciros que todos estamos avergonzados y dolidos con todos, estais aprovechando nuestro dolor y nuestra causa para hacer vuestra política".
A modificación de crédito, de 4 millóns de euros, foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSdeG e a abstención de Partido Popular, despois de explicar que os 10.000 euros que se asignan aos afectados se descontan da partida de mellora da accesibilidade urbana, que queda agora en 740.000 euros.
Os 10.000 euros de subvención descóntanse da partida para obras de mellora na accesibilidade urbana
Coa subvención o grupo do BNG asegurou en boca do concelleiro de Facenda, Raimundo González, que o Concello cumpriu con todas as demandas que lles trasladaron dende a plataforma: "cumprimos todos os términos co apoio ás mobilizacións, as mocións e incluso as contas bancarias".
As críticas cara a esta proposta chegaron dende o PP local, que anunciou a súa abstención despois de que César Abal mostrase o seu enfado cara ás formas, que entende, utilizou o goberno local: "los preferentistas saben la razón de traer este asunto hoy. Este grupo va a abstenerse para garantizar que salga adelante y no politizarlo nunca más, votamos en contra de nuestro partido para ayudarlos mientras ustedes han buscado rédito político, no cuenten con nosotros para estas cosas".
Pola súa banda, o grupo socialista por mediación de Agustín Fernández, cargou contra os populares por cambiar o seu sentido de voto cara á modificación de crédito: "se alguén o instrumentaliza son vostedes, intentan quedar ben cambiando o voto por 10.000 euros cando estaban en contra da modificación de crédito".