O grupo municipal do PSOE levará ao vindeiro pleno unha moción que pretende resolver as recorrentes inundacións de augas fecais que se producen nos bloques situados na parte baixa do poboado de Ponte Muíños en días de chuvias intensas.
Na súa iniciativa política os concelleiros socialistas instarán ao goberno local a habilitar un período de bonificación da taxa por conectarse á rede (tanto para os domicilios xa dados de alta como para os pendentes de conectarse) que incentive a conexión do 100% das vivendas e permita a clausura definitiva da antiga canalización.
Este barrio non ten aínda tódalas vivendas conectadas á nova rede de saneamento e segue en uso a vella canalización, sen separación de pluviais e fecais, o que, en días de chuvia intensa, provoca inundacións.
O portavoz socialista, Iván Puentes, sinalou que "pasado case un cuarto de século desde que se acometeron as obras de mellora previas á cesión de Ponte Muíños ao Concello, cómpre tamén realizar novas actuacións".
Así, a proposición dos socialistas tamén urxe o deseño e execución dun proxecto de reurbanización integral de Ponte Muíños, coa dotación de novas beirarrúas e zonas verdes, o arranxo e mellora de viais e un novo plantexamento da mobilidade, "baseado nos mesmos estándares de calidade que no resto da cidade e que resolva os problemas de tráfico que se padecen na actualidade".
Outras das actuacións recollidas na moción son ampliar as prazas de estacionamento público, empregando para isto a parcela de titularidade municipal anexa ao actual aparcadoiro do Complexo Deportivo Rías do Sur; mellorar a limpeza viaria, así coma o arranxo e instalación de novos colectores e renovar o pavimento, equipamentos e alumeado da pista polideportiva.