O pleito coa UTE que construíu a Ponte das Correntes, favorable ao Concello

Pontevedra
12 de xullo 2016

A pesar de ter que pagar uns 246.000 euros, desde o goberno municipal mostraron a súa satisfacción por esta sentenza, que non teñen previsto recorrer, porque a petición inicial destas empresas ascendía a case 1,8 millóns de euros, unha cifra á que tería que sumar o correspondente IVE e os intereses de demora

Carril bici na Ponte das Correntes
Carril bici na Ponte das Correntes / Mónica Patxot

O xulgado de contencioso administrativo número 1 condenou o Concello de Pontevedra ao pago duns 246.000 euros, máis os correspondentes intereses de demora, á UTE Sercoysa-Ogensa-Atlántica, construtora da Ponte das Correntes polos atrasos e os sobrecustos que sufriu a construción desta infraestrutura.

A pesar de ter pagar dita cantidade, desde o goberno municipal mostraron a súa satisfacción por esta sentenza, que non teñen previsto recorrer, porque a petición inicial destas empresas ascendía a case 1,8 millóns de euros, unha cifra á que tería que sumar o correspondente IVE e os intereses de demora.

Este conflito orixinouse en febreiro de 2011 ao esixir a unión temporal de empresas formada por Sercoysa-Ogensa-Atlántica un sobrecusto de 1,8 millóns de euros, ao entender que a obra fora maior do contratado ou que, entre outras cuestións, correspondíalles unha indemnización pola súa suspensión e retardación durante meses por falta de permisos.

Naquel momento o Concello negouse a asumir o sobrecusto e só deu luz verde a unha subida duns 200.000 euros a conta do cambio duns farois e do aumento do IVE do 16 ao 18%. O proxecto inicial ascendía a 7,2 millóns de euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta.

Pero a sentenza, que estima parcialmente a demanda presentada por estas empresas, só acepta que sexan indemnizadas con 116.000 euros por honorarios de dirección de obra indebidamente retidos, con 99.000 euros como indemnización pola suspensión dos traballos -decretada por Costas-, con 25.000 euros polo pago tardío de xustificacións e outros 5.300 euros por unha revisión de prezos mal realizada.