O Plan Xeral de Ponte Caldelas prevé un crecemento dunhas 1.500 vivendas en solo urbano e unhas 3.400 en solo rural

Ponte Caldelas
19 de febreiro 2018

O novo PXOM, que será enviado para informe á Xunta de Galicia, corrixe as deficiencias e os erros das Normas Subsidiarias nos núcleos rurais

Reunión do Goberno local co equipo redactor do PXOM
Reunión do Goberno local co equipo redactor do PXOM / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas apura nestes días o documento do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que pretende presentar á Xunta de Galicia para o seu informe preliminar e, trala tramitación completa, para a súa aprobación definitiva.

Un intenso traballo co que se pretende dotar a Ponte Caldelas do primeiro PXOM da súa historia, toda vez que o urbanismo local está rexido por unhas Normas Subsidiarias que contan cunha antigüidade de 25 anos e que conteñen numerosos erros e inexactitudes.

O equipo de Goberno tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) confía en que, desta volta, se consiga superar "o filtro" da Xunta de Galicia, á que corresponde a aprobación definitiva. Lembra que en 2006 a Xunta emitiu un "durísimo" informe contra o documento presentado polo anterior equipo, ao que introduciu máis dun cento de correccións e mesmo reprochou o "incumprimento directo" da normativa vixente.

O novo Plan Xeral, de ser aprobado pola Xunta de Galicia, deixa planificada a Ponte Caldelas dos próximos 25 anos. Organiza o crecemento urbano cunhas 1.500 novas viviendas en bloques residenciais e racionaliza os núcleos rurais para delimitar unhas 3.400 parcelas destinadas a vivendas unifamiliares. O Goberno local xa o tiña preparado en xullo pasado, pero o cambio na Lei do Solo obrigou a refacelo.

"Ponte Caldelas ten o seu crecemento estrangulado", subliña o alcalde, Andrés Díaz, quen recalca que o PXOM sería a mellor nova en moitos anos.