O Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 que promove o Goberno central para impulsar os Camiños de Santiago en Galicia supoñerán un investimento de cinco millóns de euros en Pontevedra.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentou este xoves os investimentos previstos na comunidade, cun investimento total de máis de 25 millóns de euros, e desvelou que na cidade investiranse 1,5 millóns no mosteiro de San Salvador de Lérez e 3,5 no convento de San Francisco.
Maroto presentou o plan no Hostal Reis Católicos de Santiago de Compostela e detallou que as intervencións principais serán para financiar once proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños que alcanzan un importe de 22,75 millóns de euros.
O Plan Nacional contempla, ademais, cinco millóns de euros para apoiar proxectos colaborativos entre destinos asociados aos Camiños que son membros da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes e que beneficiará a Ourense, Santiago, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, e ás Deputacións provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra. Tamén forma parte deste proxecto a recente inauguración dunha oficina de información en Roma, que dispón dun Centro Multimedia Interactivo ( CMI) que operará como punto de información do Xacobeo.
Os principais investimentos serán eses 3,5 millóns do convento de San Francisco e igual cantidade na catedral de Mondoñedo, o convento de Herbón e o convento de Sobrado dos Monxes. Ademais, destinarán dous millóns ao mosteiro San Salvador de Lourenzá e o mosteiro de Oseira.
Entre os investimentos para rehabilitar bens de patrimonio histórico tamén figuran actuacións no cárcere vello de Tui por 329.859,49 euros, no Muiño do Toleiro en Sarriá por 668.031,47; no mosteiro de Vilar de Doas por 1,5 millóns; e na colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía por 752.257,31 euros.
Reyes Maroto puxo de manifesto que este plan mostra o "compromiso do Goberno de España con Galicia, co Camiño de Santiago e co Xacobeo", un compromiso que se estende ao resto de territorios polos que transcorre e que por primeira vez van contar cun plan ambicioso de investimentos para impulsar este produto turístico como un elemento vertebrador e cohesionador do territorio.
Maroto compareceu acompañada do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés; do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez; e do presidente da FEGAMP e alcaldel de Vilagarcía, Alberto Varela.