O Plan Revitaliza esténdese a 42 dos 61 municipios da provincia

Pontevedra
05 de decembro 2018

O proxecto de compostaxe que impulsa a Deputación de Pontevedra suma outros seis concellos adheridos, entre os que se atopan os de Cerdedo-Cotobade, Poio e Portas. Ademais 13 municipios solicitaron axudas por valor de 3 millóns de euros para "dar un salto adiante" no plan provincial

César Mosquera, vicepresidente da Deputación
César Mosquera, vicepresidente da Deputación / Mónica Patxot

Seis novos municipios da provincia sumáronse ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Trátase dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Poio, Portas, Covelo, A Guarda e Vila de Cruces.

Desta forma, sinalou en rolda de prensa o vicepresidente provincial, César Mosquera, "dos 61 concellos da provincia 42 están xa adheridos" ao proxecto de xestión de residuos orgánicos mediante compostaxe.

Ademais, na última convocatoria de subvencións da institución para este plan, 13 municipios solicitaron axudas por valor de máis de 3 millóns de euros para "dar un paso adiante" no modelo e consolidar a compostaxe. Isto obrigará a estudar como "tentar acoller o mellor posible" as necesidades de cada un, xa que a liña de subvención estaba dotada con 2 millóns de euros. Por ese motivo Mosquera abriu a posibilidade de incrementar a contía dispoñible.

Entre estes concellos que entran na liña 2 do Plan Revitaliza atópanse os da Illa de Arousa, Bueu, Poio, Cangas, Moaña, Ponteareas, Tomiño e Valga, que se suman aos que xa se atopaban avanzados nesta materia: Vilaboa, O Grove, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario.

"Sabemos que haberá tensións, pero temos xente moi comprometida e se en lugar de despregar a compostaxe en todos eses concellos en oito meses se fai nun ano… pois faise en máis tempo", sinalou o vicepresidente provincial.

César Mosquera criticou ademais a posición doutras administracións con respecto á compostaxe, xa que " é inevitable e non entendo a pasividade", explicou sobre a lexislación actual que establece que o 31 de decembro de 2020 os municipios de máis de 5.000 habitantes deberán recoller e tratar o 100% dos seus residuos de forma separada, sendo o prazo para os demais concellos o 2023.

"Van empezar a caer sancións aos concellos e agora a Xunta, por exemplo,  deixa nas mans das empresas e dos concellos a solución", insistiu.