A Sociedade Mercantil Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio (Segipsa) poxa o próximo 9 de xuño no hotel Wellington de Madrid diversas propiedades en mans do Plan Nacional sobre Drogas, dependente do Ministerio de Sanidade.
Entre elas atópase o chalé embargado por un delito de branqueo de capitais a Laureano Oubiña no lugar da Laxe, en Vilagarcía de Arousa e algunhas propiedades do desaparecido narcotraficante Pouso Rivas "Pelopincho".
En total saen a poxa 21 lotes procedentes de embargos a persoas condenadas por delitos contra a saúde pública de toda España. Entre elas, nove propiedades están situadas na comarca de Arousa, como unha vivenda unifamiliar en Sobradelo, un apartamento de protección oficial e un local comercial en Vilagarcía e dúas vivendas unifamiliares. No Salnés póxanse unha vivenda en Sanxenxo e outra en Meaño.
No caso do casarón de Laureano Oubiña, situado nunha leira compartida pola familia da súa defunta esposa Esther Lago, é a segunda vez que sae a poxa xa que o pasado ano ninguén poxou por ela. O prezo de saída é de 350.300 euros.