Os doutores Juan Turnes e Pablo Parada, facultativos do servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), compartiron con homólogos nacionais e internacionais os detalles do Plan galego de eliminación da Hepatite-C, así coma a propia experiencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés na xestión deste virus.
No marco do 'VIII Congreso Nacional de Hepatitis Víricas', do 'XVI International Symposium on Viral Hepatitis and Beyond' e a conferencia 'Fast-Track Cities', abordaron as particularidades do proxecto FOCUS da Conselleria de Sanidade, que desenvolveuse inicialmente en Pontevedra, así coma a súa implicación no nomeado Plan galego, considerado un dos máis ambiciosos do mundo pola súa aposta tecnolóxica.
Foi por iso polo que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, foi elixida por tres veces consecutivas como mellor unidade de Hepatite C de España nos premios Best in Class, ao tratarse da primeira en implantar, no mes de maio, o cribado oportunista etario da Hepatite C na Atención Hospitalaria e Atención Primaria á vez. Deste xeito, cada vez que a unha persoa de 50 a 59 anos se lle realiza unha analítica, automáticamente se lle consulta a posibilidade de entrar no cribado, obtendo no conxunto de Áreas Sanitarias ata esta data 63.000 aceptacións e 83 positivos.
O xefe de Servizo de Dixestivo do CHUP e coautor do documento, o doutor Juan Turnes, aludiu na conferencia á implementación do Plan galego de eliminación da Hepatite-C coma todo un "éxito", e indicou que "en cuestión de meses todas as Áreas galegas teñen en funcionamento o cribado por idades, un sistema difícil de replicar noutros países ou comunidades debido á gran capacidade de dixitalización que temos en Galicia".
Según Turnes, nos congresos o que interesa "non é tanto o número de diagnosticados, senón que somos os únicos no mundo en usar unha PCR mediante poolling para facer probas diagnósticas masivas a un custo reducido, algo que aprendemos da pandemia".
O xefe de servizo tamén destacou a capacidade tecnolóxica para implantar o sistema de solicitudes, identificando á poboación diana de forma automatizada a escala de sistemas de saúde e hospitais individuais.
Neste sentido, o cribado de Galicia ofrecerá información fundamental para estimar a incidencia deste virus no resto de España, un dato clave ao tratarse dunha doenza asintomática, da que se sabe que un 25% dos doentes non diagnosticados teñen xa unha cirrose.
Dentro da estratexia galega, algunhas das accións contempladas xa se levaron a cabo antes como proxecto piloto na Área Sanitaria, destacando especialmente o uso da tecnoloxía para a busca activa de pacientes que, malia ter un diagnóstico, non recibiron o seu tratamento.
Pola súa banda, o doutor Pablo Parada, facultativo do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, explicou no marco da conferencia Fast-Track Cities as particularidades do proxecto FOCUS, que, iniciado no ano 2019 na Área en coordinación coa Consellería de Sanidade, amosa a utilidade da Intelixencia Artificial e o big data para a detección destes pacientes.
Este proxecto, tal e como explicou Parada, xurdiu "coma un proxecto piloto na nosa Área Sanitaria, e, unha vez coñecidos os bos resultados, decidiuse extender a través do Plan galego de eliminación da Hepatite-C esta técnica novedosa, na que usamos tecnoloxía para detectar pacientes nas bases de datos, algo posible porque en Galicia esta información está dixitalizada e unificada".
Por esta serie de factores desde a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés animan á aceptación da participación no cribado para a detección do virus, doenza que se cura na práctica totalidade de casos cun tratamento rápido e sen efectos secundarios destacables.
Ao cribado -que na actualidade inclúe a persoas nadas entre os anos 1963 e 1974- confirman que nos próximos anos engadiranse aqueles nados entre 1954 e 1963 e entre 1974 e 1983.