Diante da polémica xurdida despois de que un particular puxese á venta na web da Inmobiliaria Portela a Casa do Ateneo o Concello de Poio lembra que o único uso que se lle pode aplicar a este edificio histórico en Combarro é de carácter expresamente sociocultural.
No anuncio recolle que se trata dunha "casa de planta baja con 79 metros cuadrados y planta alta de 42 metros cuadrados, con su terreno unido que forma todo una sola finca de 77 metros cuadrados". O prezo é de 80.000 euros, unha "oportunidad única".
O concelleiro de Patrimonio e Facenda, Xulio Barreiro, subliña que no Plan Especial de Protección de Combarro, que permanece en vigor desde principios do século XXI, "queda totalmente claro que estas dependencias só poden ser utilizadas para fins de carácter social ou cultural".
Este documento, aprobado no ano 2001, define a utilización de todos os inmobles e equipamentos que forman parte do casco histórico da parroquia poiense. Deste xeito, o Concello descarta que estas instalacións poidan ser acondicionadas como vivenda ou para desenvolver outro tipo de actividades comerciais ou de hostalería.
O Goberno municipal insiste en que esta cuestión debe quedar "totalmente clara", logo de que se producise un cambio de titularidade catastral deste inmoble anexo da Casa do Ateneo. Foi o pasado 4 de xaneiro cando se efectuou esta modificación no Catastro, a través da cal un particular se identifica como suposto propietario destas dependencias, para, posteriormente, poñelas á venda.
Os dirixentes municipais xa iniciaron conversas con servizos xurídicos para analizar a situación. O Concello lembra que na década dos 70 o Estado iniciou un proceso de expropiación destas instalacións. O edificio principal, situado na Rúa San Roque, pertence á Deputación de Pontevedra. Todas estas cuestións abordaranse na reunión telemática que o concelleiro de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, celebrará este na tarde deste venres, 5 de febreiro, con representantes do tecido asociativo, veciñal e cultural da parroquia de Combarro.
Dende o Goberno local din ser conscientes da importancia dunhas instalacións que son un emblema de Poio e que, durante décadas, foron utilizadas para promover a cultura, a través de diferentes iniciativas. "Imos chegar a onde sexa necesario para evitar que isto cambie e para garantir que ese equipamento do Ateneo pida continuar sendo gozado pola veciñanza", conclúe o Goberno municipal nun comunicado de prensa.