A illa de Tambo como un espazo onde celebrar congresos, onde os nenos poidan pasar unha noite de aventura, cunhas praias que a cidadanía poida gozar libremente, cun anfiteatro no que escoitar concertos ou contemplar o solpor, son algunhas das propostas que contempla o Plan de Usos e Conservación da Illa de Tamboque este mércores presentaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e os arquitectos Serxio Portela e Juan Portela.
Segundo valorou o alcalde, este plan de usos é un documento "fundamental" para desenvolver proxectos que poñan en valor o lugar "respectando o seu pasado e pensando no futuro". Trátase de "conservar a illa e facela disfrutable dunha maneira completamente sostible, garantindo en todo momento a súa preservación e respectando a súa historia", resumiu o alcalde.
Serxio Portela, autor do documento, explicou que o obxectivo principal é "garantir a conservación e protección dos recursos naturais, culturais e inmateriais deste espazo" e promover tamén "novos usos" de acordo con o carácter público do lugar aínda que o acceso a Tambo "sempre estará controlado".
Ao longo dos dous anos e medio de traballo que levou a elaboración deste documento estudouse o proceso vivido noutras illas "para saber onde non podiamos cometer erros que xa se cometeron noutros lugares". Así este plan de usos "non só contempla unha reserva natural" senón que tamén introduce uns "servizos educacionais e socioculturais", apuntou Serxio Portela.
"Hai unha cousa que ten este proxecto que é sentido común e que atende a todas as vertentes", destacou o arquitecto "por iso gusta tanto e vese posible".
Serxio Portela afirmou que "a foresta que hai na illa é un pouco desastrosa" xa que o 95% da superficie está ocupada por eucalipto branco (Eucalyptus globulus) e un 3% por acacia negra australiana. O plan de usos recolle o proceso de recuperación no que "se pensa facer unha transformación moi paulatina cara a unha flora autóctona potenciando a biodiversidade", e para iso "buscarase a colaboración de expertos", como pode ser o Centro Forestal de Lourizán.
"Temos que facer unha recuperación espectacular para que sexa un exemplo de como se pode transformar unha illa nunha biodiversidade fantástica", dixo Serxio Portela.
Respecto a os novos usos, Juan Portela sinalou a "recuperación dalgunhas das construcións existentes". Concretamente proponse a recuperación do antigo lazareto para un aproveitamento hostaleiro ou para acoller algún congreso, tamén a restauración da capela, o polvorín e as instalacións do destacamento que poderían reconverterse nun centro de interpretación. Demoleríanse dúas casetas de ladrillo carentes de valor.
Tamén se propoñen outras intervencións como a construción dun anfiteatro aberto á ría.
Ademais, preservarase a parte da praia de Area da Illa onde está a duna rampante mentres que o resto será de uso público do mesmo xeito que o pequeno areal de Tenlo mentres que as praias de Adreira ou a de Oeste quedan como reserva. O plan propón que a illa se poida percorrer a pé no seu perímetro e tamén unha vía de servizo no seu interior.
Pero este plan de usos tamén contempla o que non se pode facer na illa de Tambo como escavacións mineiras, instalacións de radiotelefonía ou muíños de vento, entre outras cousas.
A intención do Concello de Poio é integrar este plan de usos na documentación técnica necesaria para tramitar a solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo.