Dez anos perdidos nos que a Xunta de Galicia non investiu "nin un só euro" no saneamento de Pontevedra. É o que "desgraciadamente", segundo o goberno municipal, recoñece o goberno galego no plan de saneamento local da ría de Pontevedra.
Trátase, asegurou a edil Carme da Silva, dun documento "cheo de erros" que supón a "constatación" de que existía unha "decisión política" de non contribuír a resolver os problemas da rede de saneamento de Pontevedra
Entre outras "sorpresas", segundo Da Silva, o plan de saneamento recolle como "prioritaria" a construción do colector xeral do río Gafos, unha obra que foi executada polo Concello despois de que a Xunta anulase o convenio asinado en 2011.
Este colector, a falta dun tramo na contorna da estación de autobuses, "xa está en servizo", sinalou a edil do BNG, que lamenta que a Xunta "non teña coñecemento" desta obra "e que considere que un colector que está executado é prioritario".
Iso provoca que o plan propoña a creación de "tanques de tormenta" por todo o trazado do Gafos, xa que os datos que aparecen no estudo "están desactualizados" ao non ter o conta o novo colector polo que "non serven para nada".
O plan sinala, entre as actuacións que deben executar para mellorar o saneamento da ría, a necesidade de resolver o problema que hai no colector de Cocheiras, especialmente no seu tramo cara Os Praceres, onde o bombeo actual non é suficiente.
Desde o Concello lembran que advertiron por primeira vez en novembro de 2011 desta situación, creada pola reforma do nó viario na zona, durante as que se diminuíu o diámetro das tubaxes e quedou "estrangulado" o bombeo.
"Saben que hai que arranxar iso desde hai dez anos", subliñou Carme da Silva.
Pontevedra conta, segundo recoñecen os técnicos que elaboraron o plan, cun sistema de separativa de pluviais e fecais "que funciona moi ben", destacou a concelleira, "e que é de moi alta calidade".
A pesar diso, os orzamentos da Xunta de Galicia para 2021 recollen unha partida duns 518.000 euros para a xestión do sistema de pluviais que o Concello espera que sexan "para resolver o tema de Cocheiras que eles mesmos estropearon".
Ademais, os técnicos que elaboraron o plan apuntan a que na galería de servizos por As Corbaceiras entra auga do mar e por iso, segundo Da Silva, o goberno municipal executa de maneira periódica obras para acondicionar e impermeabilizar a estrutura.
A conclusión deste plan de saneamento, defende o goberno municipal, é que mentres que a Xunta de Galicia "non investiu nada" en Pontevedra na última década, o Concello fixo obras de saneamento por uns 33,6 millóns de euros.
Carme da Silva lamentou tamén que durante a elaboración do plan non se estudaran outras alternativas como a posible instalación de novas depuradoras para evitar que as augas fecais de Poio e Sanxenxo " atravesen a ría".
Por todo iso, desde o goberno pontevedrés emitirán un informe moi crítico con este plan de saneamento e instarán á Xunta de Galicia a que aclare os prazos que manexan para as actuacións recollidas no documento e para que refagan os cálculos e as súas previsións.