O Plan de Compostaxe provincial interesa en Europa

Pontevedra
16 de febreiro 2016

A Comisión Europea propuxo o Plan Compost Revitaliza da Deputación como experiencia relevante de compostaxe dentro da Unión Europea. O mestre composteiro, Ramón Plana, ofrece ao longo desta semana formación aos aspirantes a mestres composteiros para a provincia e anuncia o estudo da utilización de algas

Os expertos en compostaxe Ramón Plana e Carlos Pérez co vicepresidente da Deputación César Mosquera
Os expertos en compostaxe Ramón Plana e Carlos Pérez co vicepresidente da Deputación César Mosquera / PontevedraViva

A Comisión Europea propuxo o Plan Compost Revitaliza da Deputación como experiencia relevante de compostaxe dentro da Unión Europea. Estes datos do programa provincial serán publicados no boletín da Oficina Europea de Estatística (Eurostat) para que poidan ser consultados polos 27 países membros da UE.

Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, este plan conforma a primeira experiencia europea das súas características. Con esta iniciativa esperan chegar a unhas 250.000 persoas en catro anos, un cuarto de poboación da provincia. Segundo Mosquera, o procedemento está a resultar modélico e referente para outras localidades.

Agora, o Parlamento europeo será quen deba denominar o Plan Compost como experiencia relevante. Pola súa banda, a Deputación deberá publicar os datos de maneira sistemática.

O mestre composteiro, Ramón Plana, que ofrece ao longo desta semana formación aos aspirantes a mestres composteiros para a provincia, destacou a importancia deste proxecto dentro do propio Estado español.

ELABORACIÓN DE COMPOST CON ALGAS

Durante as clases da Facultade de Compostaxe que se están impartindo na Cidade Infantil Príncipe Felipe para a formación de mestres composteiros observouse un interese polas algas que se atopan nos campos marisqueiros do litoral das Rías Baixas e as súas posibilidades na produción de compost.

Desta forma estudaranse posibilidades para traballar con elas, segundo indicou o experto Carlos Pérez, quen sinalou que os principais problemas para aplicar a compostaxe ás algas é de carácter loxístico e nas dificultades que leva a separación da area.

César Mosquera sinalou que este tema non se atopa regulado por ningunha administración e levara polémica cando se puxo en marcha a distribución de algas nos montes en Poio. Carlos Pérez apuntou que antes era habitual abonar a terra con algas, un costume que se foi perdendo e que desde a Deputación se aposta por recuperar.