O plan de axudas da Xunta "queda curto", segundo Carlos Font, que pide que "rectifiquen"

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

Os 50 millóns que a Xunta quere destinar a este fondo son, segundo o deputado socialista, "insuficientes" para compensar as decisións que está a tomar o goberno galego de forma "errática" e que non chegan no momento "adecuado", resultando "tardías e improvisadas"

Carlos López Font no pleno da Deputación
Carlos López Font no pleno da Deputación / Mónica Patxot

Para a Deputación de Pontevedra o fondo de colaboración que propón a Xunta de Galicia para axudar os sectores máis afectados pola pandemia, autónomos, microempresas e hostaleiros, queda "absolutamente curto" ante as novas restricións aprobadas pola pandemia.

Así o defende o deputado Carlos Font, que agarda que a Xunta "rectifique" e acepte a proposta das deputacións e dos concellos para destinar o 1% dos seus respectivos orzamentos para este "plan de rescate", xa que considera que "non é a hora dun plan de axudas".

Os 50 millóns que a Xunta quere destinar a este fondo son, segundo o deputado socialista, "insuficientes" para compensar as decisións que está a tomar o goberno galego de forma "errática" e que non chegan no momento "adecuado", resultando "tardías e improvisadas".

"Se a Xunta non entende que os 50 millóns quedarán moi cortos, terá que asumir a responsabilidade do que ocorra con milleiros de establecementos", sinala Carlos Font, que avanza que na reunión deste mércores volverá a insistir nunha proposta proporcional.

O deputado asegura ter "esperanza" de chegar a un acordo nesta nova xuntanza coa Xunta e a Fegamp, xa que considera que "é de moi difícil explicación" que o executivo autonómico rexeite un plan no que "participaríamos máis administracións" e que sería un "verdadeiro" plan de rescate "que é o que necesitan os sectores afectados".