O Plan Concellos achega novas axudas para Vilagarcía, Campo Lameiro, Poio e Bueu

Bueu
01 de xullo 2022

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera deu conta este venres en rolda de prensa dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, entre os que destacan os máis de dous millóns e medio de euros en axudas a outros nove municipios da provincia da man da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera deu conta este venres en rolda de prensa dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, entre os que destacan os máis de dous millóns e medio de euros en axudas a outros nove municipios da provincia da man da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos. 

As achegas servirán para Vilagarcía, Campo Lameiro, Poio, Bueu, Mos, Soutomaior, O Porriño (con dúas axudas), Tomiño (tamén con dúas axudas) e Ponteareas para realizar actuacións de saneamento, pavimentado, humanizacións ou rehabilitación de parques e edificacións entre outras cuestións.

Máis polo miúdo, Vilagarcía recibe 242.200 euros para a mellora do firme en cinco viarios municipais. Serán a rúa Souto na parroquia de Cornazo, a rúa Camiño Novo en Zamar e as rúas García Hermo e Ardinso así como a travesía García Hermo na parroquia de Guillán. 

Campo Lameiro recibirá 133.920 euros para humanizar as rúas de acceso á Igrexa de San Miguel do Campo, no núcleo do municipio, e a rúa de aceso á Igrexa de Moimenta. 

Poio realizará obras na cuberta e de rehabilitación no parque infantil de Rosalía de Castro cunha achega de 195.870 euros. Substituiranse os xogos existentes por outros novos, ampliaranse a zona de caucho a todo o ámbito do parque, realizarase unha cuberta para protexer os xogos de madeira e aumentarase a superficie do parque.

Os fondos provinciais tamén achegarán 203.170 euros para Bueu, cos que construirá o novo parque urbano Lugurís, que tendo como protagonista ao deporte ofrecerá espazos de paseo e estancia sen perder o carácter de espazo verde. 

Tamén se aprobaron convenios para acometer actuacións de mellora na mobilidade peonil en estradas provinciais no Rosal (796.000 euros) e na Estrada (829.000 euros).

César Mosquera tamén informou que se aprobou o proxecto de execución dunha obra no CEIP Daría González, situado na cidade infantil Príncipe Felipe. Trátase dunha "obra maior, que en principio tería que acometer a Xunta" neste centro educativo que xestiona a Consellería "pero que vai acometer a Deputación". Os traballos están orzados en 2,1 millóns de euros e consistirán no cambio da cuberta e de toda a carpintería exterior do edificio. 

Finalmente, Mosquera comentou que este venres empezou o estudo arqueolóxico e histórico que o Museo de Pontevedra realizará nas instalacións do Convento de Santa Clara. Executaraos a UTE Citania Arqueoloxía-Prospectiva e Análises Arqueolóxicas SLP durante un prazo de seis meses. Por agora empezaron a traballar naquelas partes que non necesitan autorización de Patrimonio.