O persoal municipal de Sanxenxo reforzarase con 31 traballadores a través do Plan Concellos

Sanxenxo
23 de xaneiro 2023

As prazas que se ofertan son 3 administrativos e 31 peóns para obras, xardíns e praias

Praia de Silgar
Praia de Silgar / PontevedraViva

O Concello de Sanxenxo incorporará este ano ao seu persoal a 31 traballadores contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. 

En total a administración provincial destina a Sanxenxo 251.301 euros para a activación do emprego e o Concello achega 6.472 euros. 

As prazas que se ofertarán este ano son 31 peóns para obras, servizos, xardinería e praias, así como 3 administrativos. As persoas contratadas formarán parte dos departamentos vinculados ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Os primeiros 21 peóns está previsto que comecen a principios do mes de marzo e, a partir do 15 de abril, incorporaranse os 10 peóns restantes e os 3 administrativos. As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Sanxenxo, desempregadas e rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o traballo, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

O SEPE será o encargado de realizar a primeira selección dos aspirantes, onde terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, que acrediten unha discapacidade superior ao 33% (sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos), familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixos e cargas familiares.

Estas contratacións axudarán á posta a punto do municipio para a tempada de Semana Santa e de verán cando o municipio multiplica a súa poboación e a carga de traballo tanto de tarefas de mantemento como de xardíns e limpeza é maior. Tamén os tres administrativos axudarán a alixeirar a carga de traballo nos departamentos que o precisen.