O persoal municipal de Sanxenxo reforzarase con 28 traballadores

Sanxenxo
11 de febreiro 2024

O persoal municipal do Concello de Sanxenxo verase reforzado a partir do mes de marzo por 28 persoas grazas á axuda da Deputación e da Xunta de Galicia. A través do Plan+Provincia incorporaranse 7 auxiliares administrativos e 14 peóns de obras pública  

Casa consistorial do Concello de Sanxenxo
Casa consistorial do Concello de Sanxenxo / Mónica Patxot

O persoal municipal do Concello de Sanxenxo verase reforzado a partir do mes de marzo por 28 persoas grazas á axuda da Deputación e da Xunta de Galicia. A través do Plan+Provincia incorporaranse 7 auxiliares administrativos e 14 peóns de obras pública.

Estes contratos serán de xornada completa e parcial por un período de 10 e 6 meses, respectivamente. O custo da contratación ascende a 286.639 euros, achegando o organismo provincial 244.453 euros e o Concello, 42.185 euros.

Dentro do departamento de servizos, os peóns contratados repartiranse entre o departamento de medio ambiente e mantemento de parques e xardíns, así como a limpeza de praias. Ademais, entre a listaxe de tarefas está o mantemento de roteiros e infraestruturas, camiños ou lugares do municipio.

No caso dos auxiliares administrativos, centraranse nas áreas de tesourería e recadación, urbanismo, arquivo municipal, así como atención á cidadanía.

A selección farana a través do Servizo Público de Emprego, onde os interesados deberán estar rexistrados nas súas listas de demandantes e reunir os requisitos esixidos. Terán prioridade os parados de longa duración.

A maiores destas contratacións, o Concello, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do programa Aprol rural (Apoio Servizo Limpeza de Montes e Planificación preventiva), incorporará a 2 peóns agrícolas durante 9 meses a xornada completa que estarán destinados ao mantemento do rural, e a 5 peóns perceptores da renda de inclusión social (Risga), durante 9 meses a media xornada. 

O custo total dos primeiros é de 42.717,16 euros, dos que a Xunta achega 32.215,58 euros e 10.501,58 euros serán fondos municipais, e dos segundos de 59.769,28 euros dos que 56.891,41 euros serán subvencionados e o resto sufragarase con fondos municipais.

A concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, indicou que estas incorporacións "permiten seguir mellorando as cifras de emprego no municipio e prestar un mellor servizo en períodos de maior actividade económica como é Semana Santa e o verán".