O curso de Formación en Igualdade organizado pola Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, abre ata o 13 de outubro o seu prazo de matrícula.
A iniciativa está dirixida ao profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, ao profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial (Escola de Cantería, Escola de Enfermería, Centro Príncipe Felipe) e ao profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación (educación infantil, primaria e secundaria).
En total ofértanse 40 prazas que se cubrirán por estrita orde de inscrición. A formación terá un carácter fundamentalmente práctico e constará de dous módulos, cada un deles cunha parte presencial de 30 horas e outra en liña de 20 horas. En total, a carga lectiva do curso será de 100 horas e as clases desenvolverase no campus universitario de Pontevedra.
A formación será impartida polo persoal especializado en materia de igualdade da Universidade de Vigo e ao finalizar cada un dos módulos o centro expedirá unha certificación oficial correspondente a cada un deles.
O primeiro módulo (nivel I) realizarase de outubro a decembro de 2017 e o segundo módulo (nivel II) levarase a cabo de xaneiro a marzo de 2018.
As clases celebraranse os luns e xoves, de 17:30 a 20:30 horas, estando previsto o comezo para o 23 de outubro. A formación abordará dende os datos que xeran a desigualdade entre homes e mulleres, os mitos, barreiras e estereotipos, a lexislación en materia de igualdade, a violencia machista, a avaliación e a identificación de elementos sexistas no sistema educativo ata a linguaxe inclusiva non sexista, entre outros moitos temas.