O Concello de Marín programa unha volta á actividade presencial nos seus edificios públicos, para o cal vén de adoptar unha serie de medidas adaptadas á progresiva desescalada. Unha resolución da Alcaldía establece como será a volta paulatina ao traballo na Casa Consistorial. As instrucións organizativas contemplan a realización do traballo por quendas e cumprindo con todas as medidas de seguridade para garantir a protección da saúde tanto dos cidadáns como do persoal municipal.
Os Servizos Municipais Administrativos e de Atención á Cidadanía, que estaban funcionando de xeito non presencial, comezará nos próximos días unha organización de quendas presenciais dentro das propias instalacións municipais por parte das xefaturas nos servizos de Rexistro de Entrada, Estatística (Padrón), Tesourería, Urbanismo, Secretaría, Intervención e Promoción do Emprego. O horario de atención ao público de xeito presencial será de 10.00 a 13.00 horas, con cita previa que se solicitará chamando ao teléfono do Concello (986 88 03 00). Mantense a atención telefónica en horario de 09.00 a 14.00 horas.
No que respecta á Policía Local, Servizos Sociais, o Centro de Información á Muller e o Departamento de Novas Tecnoloxías, continuarán coas quendas de traballo do persoal.
En canto aos Servizos Municipais Externos formados polas brigadas de Obras e Servizos, Electricidade, Augas, Parques e Xardíns ou Cemiterios, entre outros, continuarán a funcionar mediante quendas semanais, permitindo a flexibilización horaria, de tal xeito que se reduzan ao mínimo as situacións de coincidencia dos diversos grupos de traballo.
En todo momento, tanto o persoal municipal como a veciñanza que acuda ao Consistorio, deberán manter a distancia interpersoal mínima recomendable. Ademais, dotarase a todo o persoal do material de protección adecuado ás actividades e traballos que desempeñan, especialmente luvas e máscaras ou pantallas. Por outra banda, realizarase unha ventilación periódica nas instalacións e reforzaranse as tarefas de limpeza en todas as estancias, desinfectando dun xeito aínda máis intenso en zonas como os aseos, as salas de reunións e as áreas de acceso público.
Por outra banda, o Concello de Marín anuncia que vén de adherirse á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) na que se lanza unha mensaxe de ánimo e apoio a toda a cidadanía e unha chamada a todas as administracións para unir esforzos co fin de superar a actual situación.