O persoal de Xustiza rexeita o preacordo de catro sindicatos coa Xunta de Galicia

Pontevedra
27 de abril 2018

Despois dunha xornada de votacións moi tensa, o reconto de votos ofreceu un resultado de 184 en contra do preacordo e 50 a favor. En toda Galicia tamén gañaron os contrarios por 836 a 746 votos

Momento en que se coñece o rexeitamento do preacordo coa Xunta / PontevedraViva

Despois dunha xornada de tensión nas votacións achega do preacordo levado a cabo por CC.OO., UXT, CSIF e USO, ás 17.00 horas iniciábase o reconto dos votos na primeira sala de vistas do edificio xudicial da Parda. A maioría dos asistentes vestían camisetas azuis reivindicativas e mostrábanse contrarios ao preacordo.

Os resultados recollidos na urna foron de 184 votos en contra do acordo fronte a 50 favorables. Os máis de medio centenar de funcionarios que se atopaban na sala estalaron en expresión de xúbilo cando finalizou o reconto. Abrazos, xestos de euforia e cánticos de "a min non me vendes", "dimisión" e "aquí está, aquí vese, a xustiza galega en pé", dedicados aos representantes dos sindicatos favorables ao acordo.

Ao mesmo tempo, os contrarios ao acordo reclamaban información sobre o resultado noutros puntos de Galicia. Finalmente, as distintas votacións nas principais cidades galegas decantouse polo rexeitamento a este preacordo coa Xunta por 836 votos en contra e 746 a favor. Desta forma, segundo as fontes sindicais, a próxima semana levará a cabo unha asemblea de funcionarios na que se decidirá os seguintes pasos a seguir.

Posteriormente, os representantes de CUT, CIG e STAJ, xunto a algúns traballadores, concentrábanse ante a sede do Partido Popular con motivo da presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en Pontevedra.

DENUNCIA UNHA RAIADA NO COCHE

Un dos sindicalistas que tivo que facer fronte a máis críticas foi Nilo Fernández, representante do sindicato de Xustiza-USO, que estivo durante toda a xornada levando o control da mesa electoral e posteriormente o reconto de votos. 

Nilo Fernández denunciou que o seu vehículo situado fronte á entrada dos xulgados da Parda sufriu unha raiadura nunha das portas do turismo. Unha situación que relaciona cos incidentes e a tensión que se viviu durante toda a xornada na contorna do edificio xudicial. Presentou unha denuncia ante a Policía Nacional. Fernández acusou os sindicatos CUT, CIG e STAJ de non manter un talante democrático durante este día de votacións presionando de tal forma que moitos funcionarios decidiron non exercer o seu dereito.