Os traballadores do Complexo Deportivo Rías do Sur, a través dun comunicado, aseguran que non participan das medidas adoptadas desde a dirección da empresa Supera, encargada da xestión das instalacións deportivas, despois de que decidisen paraliazar a actividade nas piscinas e spa do recinto de Pontemuíños.
Afirman que o número de persoas asociadas estaba a ascender ultimamente e os cursos de natación do tircer trimestre estaban cubertos e a piques de comezar. Por este motivo, os traballadores non entenden por que a empresa decide pechar as láminas de auga, causando un malestar de usuarios e cursillistas.
O persoal solidarízase cos traballadores, deportistas e clubs deportivos que ven limitados os seus adestramentos e teñen que desprazarse cara a outras instalacións para manter a súa actividade deportiva. Neste sentido, os empregados de Rías do Sur lémbranlle á dirección de Supera que asinou un documento no que adquiría o compromiso para desenvolver un método que promova a calidade total, a mellora continua e o respecto co medio ambiente, ademais de comprometerse coa sociedade para difundir e fomentar a actividade física entre todos os ámbitos e estamentos "mediante os valores que rexen os nosos principios". Os traballadores pregúntanse a que principios refírese a dirección #ante as últimas decisións.
Lembran tamén que os traballadores se decataron do peche da lámina de auga polos representantes laborais da instalación de Madrid Móstoles I. Unha vez alertados, a xerencia da instalación Rías do Sur confirmou a medida xustificando a decisión nos custos que provocaba a lámina de auga, debido á subida da factura eléctrica. Pero o persoal incide en que Rías do Sur é unha instalación que aforra o 50% do seu gasto en comparación con outros espazos destas características, debido a que non usa combustibles porque o quecemento da auga e climatización realízase de forma gratuíta a través da empresa Ence, sen utilizar combustibles no recinto deportivo.
Tamén sinalan que a empresa manifestou que "de momento, os traballadores afectados por esta medida temporal, sería incluídos de novo no ERTE de forza maior, aínda vixente no centro de traballo", unha situación que causa preocupación entre o equipo de traballo.