O persoal da Policía Local de Poio chega a trece axentes tras as novas incorporacións

Poio
14 de decembro 2023

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, recibiron este xoves no salón de plenos a tres novos axentes que se incorporan á Policía Local, tras graduarse o martes na Academia de Seguridade Pública da Estrada

Incorporación de tres novos axentes á Policía Local de Poio
Incorporación de tres novos axentes á Policía Local de Poio / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, recibiron este xoves no salón de plenos a tres novos axentes que se incorporan á Policía Local, tras graduarse o martes na Academia de Seguridade Pública da Estrada.

Os axentes de estreo estiveron tamén acompañados polo xefe da Policía Local, Antonio Duarte. 

Os tres xa fixeron prácticas en Poio durante os meses de verán, antes de acadar a praza definitiva. Con estas incorporacións, a plantilla suma trece policías.

COMPOSTEIROS

Por outra banda, o Concello de Poio ven entregar un lote de quince composteiros individuais entre veciños do municipio que, ademais, participaron tamén nunha charla impartida pola mestra composteira na aula da Reiboa. 

Nesta sesión, á que tamén asistiu o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, explicouse aos asistentes o funcionamento e os beneficios de compostar restos de comida e vexetais no fogar, tanto a nivel medio ambiental como económico, xa que a elaboración de compost tamén supón unha redución do lixo que se envía a Sogama e, polo tanto, redunda directamente nun descenso de custos.

Para solicitar os composteiros é necesario contactar previamente coa mestra composteira, chamando ao teléfono 604025288, no que tamén poden anotarse para participar nestas sesións ou solicitar maior información.

Desde o Concello de Poio, Manuel Domínguez recorda que a compostaxe é o xeito máis beneficioso para todos á hora de xestionar os residuos orgánicos.