O "perroturismo" pronto chegará a Campo Lameiro e máis concretamente ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR). Este novo tipo de turismo consiste na creación de visitas completas con can.
Cada venres durante dúas horas, os cans e os seus donos poderán coñecer o PAAR nunha visita guiada a través dunha ruta de sendeirismo de 5 km. Tras a camiñada, despediranse cunha merenda de picnic na que se darán claves sobre comportamento canino, sinais de calma e educación en positivo. Esta proposta, "Un día en Campo Lameiro", arrincará en maio e estará en funcionamento ata outubro.
O prezo para participar será de 18 euros para os adultos e de 12 para nenos ata os 14 anos. Ademais, faranse grupos dun mínimo de dez persoas e un máximo de 15.
A iniciativa parte da colaboración entre o Parque Arqueolóxico e a empresa galega Perriturismo, especializada en organizar este tipo de actividades. O obxectivo é conseguir que os cans formen parte das propostas de tempo libre dos seus donos.