O peche da piscina olímpica, unha decisión da concesionaria Supera a nivel nacional

Pontevedra
11 de marzo 2022

A empresa Supera anunciou o peche das instalacións de auga polos seus "inasumibles custos enerxéticos" non só en Pontevedra, senón en moitos dos centros que xestiona noutros puntos de España. A situación repítese por exemplo en puntos como León, Burgos, Móstoles, Marbella ou Estepona, entre outros

Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno en Pontemuíños
Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno en Pontemuíños /

A empresa Supera, concesionaria das instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños desde hai anos, anunciou por sorpresa este xoves a súa decisión de pechar a partir do venres 11 de marzo as súas instalacións de auga en Pontevedra polos "inasumibles custos enerxéticos que debemos afrontar nos últimos meses".

A decisión colleu de sorpresa a traballadores, usuarios e deportistas federados que alí adestran, coñecedores que no caso da instalación pontevedresa o quecemento da auga da piscina corre a cargo de ENCE.

Con todo trátase dunha decisión tomada por Supera a nivel nacional, e que afecta a moitas das instalacións que xestiona en 22 localidades de toda a xeografía española.

A través dos seus perfís en redes sociais os centros deportivos compartiron nas últimas horas o mesmo mensaxe, na que se xustifica por "os efectos negativos da pandemia, unidos aos desbocados prezos enerxéticos, agravados polos últimos acontecementos".

A mensaxe, ademais de en Pontevedra, compartiuse en puntos como León, Oviedo, Burgos, Móstoles ou Estepona, por citar algún, o que reflicte que se trata dunha decisión que escapa á esfera local dificultando á súa vez unha rápida solución.