Conseguir que o 100% da enerxía que consomen o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, dous dos edificios municipais que máis electricidade necesitan para funcionar, proceda de fontes de enerxía renovable. Ese é o ambicioso proxecto que impulsará o Concello de Pontevedra.
O goberno municipal quere que esta actuación, que custará preto de tres millóns de euros, a financie Europa a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP). Será unha das iniciativas que se presentarán á segunda fase deste plan.
Esta reforma, segundo explicou Anabel Gulías, estará centrada integramente na mellora da eficiencia enerxética destas instalacións, o que fará que sexa unha intervención "pioneira".
A principal actuación estará centrada no cambio da envolvente dos dous edificios "sen modificar o aspecto externo" dun complexo cultural que, segundo lembrou a portavoz municipal, foi Premio Nacional de Arquitectura en 1999.
O Pazo e o Recinto contarán con placas solares nas súas respectivas cubertas. Están pensadas para o autoconsumo de ambos os equipamentos, que pasará a ser con enerxía "100% renovable", apuntou Gulías, reducindo ao mínimo o consumo de fontes externas.
Ademais, os cálculos técnicos apuntan á posibilidade de que estas placas solares produzan máis enerxía da que necesita todo o complexo, polo que formaría unha "comunidade enerxética", derivando parte desta produción para abastecer o Pavillón Municipal.
A mellora da habitabilidade do Pazo da Cultura e do Recinto Feiral será outro dos eixos fundamentais desta actuación, na que se prevé conseguir o máximo confort térmico e lumínico, entre outras cousas, renovando todo o sistema de ventilación e climatización.
Para avanzar neste illamento térmico tamén se reforzará a envolvente do complexo, creando unha fachada transventilada que permitirá aproveitar a ventilación natural con maior eficacia, a maiores de mellorar a impermeabilización dos edificios.
Con respecto á iluminación, toda a iluminación será con tecnoloxía LED e instalaranse detectores de luz natural, para optimizar as horas nas que se activa este sistema.
O terceiro ángulo sobre o que xirará esta intervención será a dixitalización de todos os sistemas de ambos os edificios, para o que se proxecta crear un sistema de control dixital desde o que xestionar todo o seu funcionamento e poder coñecer o seu consumo en tempo real.
A iso sumaranse medidas para renovar a sinalización de emerxencia ou mellorar os protocolos antiincendios que existen nestes momentos.
Se o Concello logra financiar este proxecto a través dos fondos europeos, a obra deberá estar executada antes de finais do ano 2026.