O Pazo de Vista Real, no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa, será a sede do noveno polo de emprendemento impulsado pola Xunta de Galicia para xerar emprego, dinamizar a economía local e fixar poboación.
Así o anunciou este luns a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tras manter un encontro con empresarios da comarca do Salnés.
Toda esta zona, segundo Rivo, ten "moito potencial" en ámbitos como o turismo, o comercio ou o sector primario, especialmente o mar, o que permite xerar riqueza "pegada ao territorio" a través do apoio a proxectos de emprendemento que cren "emprego de calidade".
Este será o segundo polo de emprendemento da Xunta en Pontevedra, tras o que xa está operativo en Silleda e que atende principalmente a iniciativas da zona norte da provincia.
Os oito polos activos en toda Galicia, destacou a conselleira, atenderon no último ano a máis de 550 persoas, que recibiron máis de 1.700 titorías.
O obxectivo destes organismos é convertelos en "verdadeiros centros de dinamización" dos territorios nos que se asentan, trasladou Elena Rivo aos empresarios, servindo como "foros de interlocución" para recoller as demandas da poboación.
A través deles, insistiu a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, a administración pretende dar resposta a esas demandas e fortalecer a colaboración co sector privado.
Rivo agradeceu na súa intervención a "boa disposición" do Concello de Vilanova de Arousa para acoller este novo servizo e ofrecer o emblemático Pazo de Vista Real, ben embargado no seu día ao histórico narcotraficante Manuel Charlín, para establecer nel este novo polo de emprendemento.