O Pazo de Lourizán, a un paso de ser BIC e lograr a protección integral

Pontevedra
10 de maio 2023

A Dirección Xeral de Patrimonio incoou xa o procedemento para a declaración. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses. Informes encargados pola Xunta conclúen a existencia dun valor cultural singular que xustifica a súa declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Mónica Patxot

Pouco máis dun mes despois de que o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobase por unanimidade a transferencia á Xunta de Galicia da Leira e o Pazo de Lourizán, a Administración autonómica xa deu un paso definitivo para que o inmoble pase a ser Ben de Interese Cultural (BIC) e logre a súa máxima protección. 

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta incoou xa o procedemento para a declaración de BIC deste inmoble, na categoría de monumento, co nivel de protección integral. 

O Pazo de Lourizán forma parte na actualidade do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e conta cun nivel de protección integral no plan urbanístico de Pontevedra, ao estar recolleito no Catálogo de edificacións e elementos para conservar da cidade e medio rural de Pontevedra, do ano 1994.

A Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, promoveu a elaboración dun informe xustificativo multidisciplinar no que se describe con profusión os contextos histórico e cultural do inmoble, o seu ámbito de implantación, os seus elementos e partes integrantes, a súa evolución e o seu uso, e no que se conclúe a existencia dun valor cultural singular que xustifica a súa declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento.

A decisión, publicada no Diario Oficial de Galicia deste mércores, implica tamén anotar esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses a contar a partir deste mércores 10 de maio e a súa incoación tamén sairá publicada no BOE. 

Unha vez iniciado o expediente, a Deputación e o Concello de Pontevedra deberán suspender a tramitación das posibles licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas. Esta suspensión de licenzas non afectará ás de mantemento e conservación, entendéndose dentro destas últimas as intervencións de: investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.

Poderanse facer tamén actuacións de rehabilitación sempre que se limite a accións e medidas que teñan por obxecto permitir a recuperación do uso que tivo o edificio, e sempre que non se alteren os elementos e atributos que testemuñan o seu valor cultural e conte coa autorización de Patrimonio.

Agora ábrese un período de información pública dun mes co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente.