Toda a contorna do Pazo da Cultura, o pavillón municipal e o Paseo de Domingo Fontán, desde a Illa das Esculturas ata a Comandancia da Garda Civil, é unha zona vulnerable ante o aumento do nivel do mar e, se se mantén o ritmo actual de contaminación e de crise climática, poderían estar asolagadas nun período de 30 anos.
Igual sorte correría a outra beira do río Lérez, con ameaza de inundación en boa parte da avenida de Bos Aires, toda a contorna de Beiramar e o peirao de As Corbaceiras, o porto deportivo, a avenida de Marín e, xa ría dentro, a factoría de Ence e toda a zona que lle rodea ata a zona de O Cabo e Os Praceres.
A situación cambiaría por completo o mapa actual de Pontevedra e os seus arredores, ata quedar como o plano que acompaña esta información. Non se trata dun vaticinio sen máis, senón do resultado dun estudo realizado por Climate Central, unha organización estadounidense que agrupa a numerosos científicos que investigan o cambio climático e os seus efectos na poboación a nivel internacional.
O informe, publicado días atrás pola revista Nature Communications, conclúe que máis de 200.000 persoas estarán en España en 2050 expostas de forma periódica ás inundacións costeiras causadas pola crise climática e inclúeun mapa interactivo (pode consultarse aquí) que predice como afectará o aumento do nivel do mar en todo o planeta.
Nas Rías Baixas, calcúlase que o aumento do nivel do mar que se produciría no caso de que as emisións dos gases responsables da crise climática sigan o ritmo actual tería efectos en todo o litoral, desde Marín ao Grove, pasando por Poio, Sanxenxo ou Vilagarcía, Vilanova e A Illa de Arousa.
Os cálculos realizados no marco deste estudo revelan que en 2050 esas zonas asolagaranse polo menos unha vez ao ano se non se constrúen as defensas costeiras adecuadas ou non se frean as emisións e continúa o quecemento global.
O resultado sería, por exemplo, que O Grove deixaría de ser unha península para converterse en illa, con todo o istmo da Lanzada cuberto polo mar e parte do litoral meco desaparecido baixa a auga en zonas como San Vicente, Meloxo, Virxe das Mareas ou A Illa da Toxa. Practicamente toda a liña de costa veríase afectada.
No municipio de Pontevedra querían afectadas tamén zonas dos barrios de Mollabao e Lourizán, a zona das Marismas de Alba, a praza de Barcelos e a parroquia de Ponte Sampaio, onde a afectación sería especialmente destacada na contorna da Xunqueira, co colexio público, o campo de fútbol e a praia fluvial asolagados.
Marín tamén terían un mapa moi diferente ao actual, ao aparecer como zonas inundables prácticametne todo o porto marinense, parte da Escola Naval Militar e lugares de todo o litoral, desde Aguete ata Loira.
A illa de Tambo quedaría totalmente mergullada e, alén da Ría, en Poio, as áreas con máis impacto serían A Puntada, a enseada de Lourido ou Combarro, aínda que habería puntos de todo o litoral afectadas.
Non queda atrás o impacto en Sanxenxo, pois o futuro calculado por Climate Central implicaría a desaparición do actual porto deportivo ou a praia de Silgar tal e como se coñece na actualidade e tamén desaparecerían o actual club náutico de Portonovo ou as praias de Paxariñas, Montalvo, Bascuas e A Lanzada.
En Vilaboa, a afectación chegaría ás Salinas do Ulló, unha parte importante da parroquia de Paredes ou a enseada de Larache, e tamén é evidente o impacto noutros concellos das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa como Bueu ou Cambados, onde, a modo de curiosidade, a auga chegaría case ata o Pazo de Fefiñáns e faría desaparecer a Torre de San Sadurniño.
Ese futuro a 30 anos vistos que debuxan os mapas de Climate Central implicaría que practicamente a metade da Illa de Arousa é zona inundable e que en Vilagarcía vísense afectados o porto, Vilaxoán, as praias da Concha e Compostela e Carril. De feito, todo a litoral arousá desde Cambados a Vilagarcía de Arousa ten unha afección importante.