O Pazo da Cultura licita por vez primeira a ambientación do Salón do Libro

Pontevedra
07 de novembro 2019

A decisión vén motivada polos cambios na lexislación contractual e coa finalidade de acadar mellores ofertas económicas e participación así como de lograr máis transparencia no proceso

Traballos de montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Traballos de montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil / Mónica Patxot

O organismo autónomo Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra saca a licitación pública a contratación do servizo de deseño, creación e execución artística dos espazos do Salón do Libro que, na súa XXI edición, terá lugar entre o 6 e o 27 de marzo de 2020 levando por título "O humor".

A decisión vén motivada polos cambios na lexislación contractual e coa finalidade de acadar mellores ofertas económicas e participación así como de lograr máis transparencia no proceso.

Os pregos de prescricións técnicas e cláusulas admininistrativas, así coma o resto de condicións, importe e prazos, atópanse no Perfil do Contratante da web www.pontevedra.gal

O proxecto de ambientación do Salón e a súa execución, no que se valorarán aspectos como a relación coa temática, o país convidado (Italia) o libro e a lectura, a creatividade, as posibilidades de interacción da cativada, os deseños inclusivos ou seguros e sostibles, ten como data límite de presentación o 20 de novembro ás 23:59 horas.

Será preciso para as empresas interesadas en participar, realizar previamente unha visita técnica as instalacións que terá lugar o vindeiro martes 12 de novembro ás 11:00 horas.

O contrato, por unha contía de 84.270 euros sen IVE, terá unha vixencia de 2 anos e a posibilidade de ampliación de dous anos (1+1).