Primeiro cheo no Pazo da Cultura para gozar da XXXII edición do Concurso de Murgas do Entroido de Pontevedra, coa eliminatoria inicial celebrada este luns 12 de febreiro.
Catro agrupacións saíron a mostrar as súas graciosas e acedas propostas sobre as táboas do auditorio, nunha gala presentada como vén sendo habitual por María Carrera.
Os primeiros en actuar foi a Murga do Naveiro, co seu 'Este ano imos a pelo'. E tanto que foi así, porque os pregoeiros do Entroido 2024 montaron o seu particular salón de peiteado 'Lores Style' para acompañar as súas coplas, entre elas unha aplaudida sobre a saúde mental na que sinalaban que "se hai cartos para as festas para salvar vidas terán que poñer medios".
Tras eles foi a quenda de Os Barallocas, murga procedente do Grove que apostou por uns disfraces ao 'Alladdin' para repasar e criticar asuntos locais pero tamén galegos, nacionais e internacionais, como o turismo, as guerras ou as eleccións. Así se acordaron por exemplo do presidente do Goberno e o seu pacto de investidura con forzas independentistas catalás para cantar un "Sánchez, miras que eres terco, poste a firmar a amnistía para sobrevivir", entre outras coplas.
En terceiro lugar compareceron no Pazo da Cultura os gañadores da pasada edición, Val do Lérez, co seu 'Equipo de investigación' formado por un grupo de veciñas cotillas nos seus balcóns. Desde alí e aínda que "non quero ser cotilla", defendían, repasaron temas polémicos a nivel local como o pacto de goberno ou a polémica coa localización da feira ambulante. "Eu quero comprar barato, pero non sei onde ir, quero bragas a tres euros a peñuelos de chachemir", empezaban cantando para acabar cun "eu non quero criticarte, Lores dígoche a verdade, pero a mellor feira, sería na Alameda".
Por último compareceu no concurso outra agrupación meca, Os Arrombados, vestidos como repartidores de paquetería a domicilio, aos que parodiaron nas súas letras: "xa o ves, non son dous nin tres, ata en patinete van levarche os paquetes do Amazon, tamén hai repartos que acojonan máis que unha factura da luz, aínda que digas que non si que te che tembla o cú ao verlle a cara o de Seur"..
Unha eliminatoria que puido seguirse en directo a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra, do mesmo xeito que poderá facerse coa segunda eliminatoria o vindeiro mércores 14 de febreiro (21.00 horas), onde se decidirá o pase á final do xoves.