O pazo abandonado de Isabel II comezará a rehabilitarse en menos de seis meses

Pontevedra
17 de xullo 2013

Urbanismo deulle autorización para unhas obras que teñen un prazo máximo de execución de 18 meses e nas que o novo dono investirá uns 300.000 euros. Este edificio xa tivo licenza de rehabilitación en 2007, pero non chegou a reformarse. Louro acusa de "unha boa noticia" que "vai ser posto a punto" e será unha actuación que "axude a limpar, ordenar e fortalecer beleza do casco histórico"

O pazo abandonado e en estado ruinoso que ocupa unha parcela de terreo entre as rúas Isabel II e Rúa Alta, en pleno casco histórico de Pontevedra, está a punto de renovar a súa imaxe. Tras varios intentos falidos de rehabilitación, as obras acaban de recibir de novo autorización municipal.

A licenza outorgouna este martes a Comisión de Urbanismo de Pontevedra e establece que as obras para rehabiliar este inmoble situado no número 27 de Isabel II deben empezar nun prazo máximo de seis meses e terán un límite de 18 meses de execución. Segundo consta no proxecto, o novo dono investirá uns 300.000 euros.

O Concello de Pontevedra xa autorizara a rehabilitación deste edificio no ano 2007, pero as obras non comezaron e o edificio foi obxecto de diversos expedienes urbanísticos disciplinarios. Daquela pertencía a unha inmobiliaria pontevedresa, pero en 2012 pasou ás mans do grupo Pirsa, que chegou a instalar carteis anunciando a obra por toda a parcela.

Non obstante, de novo, negouse a licenza por defectos formais e cando estaban en pleno proceso, a finais de 2012, a inmobiliaria entrou en concurso de acredores e todos os plans se pecharon. Xa a principios de 2013 os administradores concursais comunicaron ao Concello que o edificio tiña novo dono e este non tardou en dar noticias. En abril pediu a licenza que acaba de outorgárselle.

Segundo explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, o propietario ten todos os informes favorables, xa ingresou a fianza e pagou as taxas.

Tras a concesión da autorización, Louro valorou que o inicio deste rehabilitación é "unha boa noticía" porque se trata dun dos edificios que está en malas condicións no casco histórico e "vai ser posto a punto". Xunto coa licenza que se outorgou hai varias semanas para a demolición dun edificio nos Soportais da Ferrería, "son dúas actuacións que axuden a limpar, ordenar e fortalecer beleza do casco histórico".

CUSTOU 405.000 EUROS

O pazo subastouse e adxudicouse en xaneiro por un prezo de 405.000 euros. Trátase dun terreo de 937 metros cadrados con vivenda unifamiliar illada, que co abandono e o paso do tempo atópase nun estado de ruína total.

O valor de tasación da vivenda é de 722.438,13 euros e o valor hipotecario, na hipótese do inmueble terminado, elévase ata os 1,3 millóns de euros, prezo correspondente ao valor de mercado segundo a tasación efectuada no ano 2009 polo arquitecto técnico, Benito Castro.

A edificación a rehabilitar constitúe unha boa mostra do palacio urbano da cidade de Pontevedra, de pequenas dimensións e coidada arquitectura. No proxecto básico redactado polo arquitecto Enrique Barreiro no ano 2005, coa intención de servir como solicitude para a correspondente licenza municipal, detállase ademais que o edificio é do século XVIII levantado sobre un xa existente do século XV.