O Concello de Vilaboa acaba de anunciar que substituirá parcialmente a cuberta do pavillón do Toural. Trátase dunha medida de reforzo para acabar cos problemas de humidade e filtracións que rexistra esta instalación deportiva.
As obras terán un custo de 47.695 euros e consistirán na demolición da capa de cubrición existente, formada por panel sandwich in situ composto por dúas follas de chapa prelacada e alma de illamento e a construción de nova cubrición de paneis sandwich de 30 milímetros de espesor. O acabado será en cor tella cara ao exterior e cor branco ao interior.
O pavillón polideportivo do Toural foi construído en 1993 e a pesar de ser obxecto de diferentes actuacións de mantemento acusa problemas de filtracións e humidades que dificultan a optimización destas instalacións para fins deportivos. Conta cunha edificación principal, que acolle a pista deportiva e as bancadas e un corpo auxiliar anexo no que están os vestiarios, aseos e zona de almacenaxe.
Esta actuación completará a realizada o ano pasado na envolvente do pavillón, que supuxo un investimento de 63.000 euros. En concreto, construíuse un tabique pluvial na fachada sur e sustituíronse as baixantes e remates.