O pavillón da Seca e o ximnasio municipal de Poio estrearán 2021 cunha mellor eficiencia enerxética

Poio
21 de decembro 2020

As obras de mellora de eficiencia enerxética que se están a realizar na cuberta do pavillón polideportivo da Seca e no ximnasio municipal de Poio estarán finalizadas nas primeiras semanas do vindeiro ano 2021. Así o anunciou este luns o Concello de Poio con motivo dunha visita do concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, ás obras

Visita de Gregorio Agís ás obras do pavillón da Seca e o ximnasio municipal de Poio
Visita de Gregorio Agís ás obras do pavillón da Seca e o ximnasio municipal de Poio / Concello de Poio

As obras de mellora de eficiencia enerxética que se están a realizar na cuberta do pavillón polideportivo da Seca e no ximnasio municipal de Poio estarán finalizadas nas primeiras semanas do vindeiro ano 2021

Así o anunciou este luns o Concello de Poio con motivo dunha visita do concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, ás obras, situadas moi próximas unha da outra. 

Agís explicou que as obras marchan a bo ritmo, pero as inclemencias meteorolóxicas que se veñen rexistrando neste mes de decembro provocaron que nestes días non se puidese manter ese avance. De non ser por isto, o máis probable é que estivese todo listo antes de rematar 2020.

As obras do pavillón está a realizalas a empresa Sergonsa Servicios Sociedad Limitada e as do ximnasio, Calicanto Obras y Proyectos. Son dúas actuacións financiadas a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), fondos Feder e o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

No caso da cuberta do pavillón, o orzamento ascende a 163.696,06 euros. Os operarios céntranse na instalación dun panel 'sándwich' na cuberta. Ademais, renováronse os canalóns da recollida de pluviais, así como as correspondentes baixantes. A dotación de novas luminarias tipo led, tanto nas bancadas como na propia pista, reducirán drástico os custos derivados do consumo enerxético (uns 35.000 euros menos aproximadamente).

Esta nova iluminación facilitará a gravación e retransmisión de partidos e eventos deportivos, xa que a tecnoloxía led elimina zonas de sombra, con diferentes intensidades, que, en moitas ocasións, dificultan o enfoque.

O orzamento para as obras do ximnasio ascende a 124.183,06 euros. Trabállase nunha mellora do illamento exterior, cun revestimento exterior que cubre toda a fachada. Ademais, a empresa acomete a substitución das fiestras actuais por outras de mellor calidade.

Por outra banda, o concelleiro prevé que, unha vez finalizadas as festas do Nadal, poidan iniciar as obras de mellora da cuberta da Casa Consistorial, adxudicas a Construcciones Orega Sociedad Limitada. O prazo de execución será de seis meses e o orzamento ascende a 238.704,13 euros.