Desbloqueo definitivo á senda peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín. O Ministerio para a Transición Ecolóxica formalizou o contrato coa Constructora San José para comezar as obras do primeiro tramo deste paseo, actuación valorada en 1,73 millóns de euros.
Así o recolle o Boletín Oficial do Estado deste xoves. San José foi a gañadora dun proceso de contratación ao que, mediante un procedemento aberto, presentáronse dezaseis empresas. A adxudicación, coñecida o pasado mes de febreiro, quedara paralizada polo estado de alarma.
En concreto, o paseo entre ambos municipios comezará coa construción do primeiro tramo, que unirá a zona de Mollavao con Os Praceres. Deberá estar rematado no prazo de nove meses, polo que o Goberno agarda que estea operativo na primavera de 2021.
Esta actuación permitirá conectar os tramos de paseo xa existentes, por unha banda, a pasarela peonil que parte de Praceres cara Pontevedra -usada actualmente polas mariscadoras- e por outro o paseo que parte de Pontevedra cara Marín pola PO-12.
A ampliación realizarase en dúas fases. A primeira dará continuidade á pasarela existente en Praceres con outra pasarela metálica de 783 metros de lonxitude. Será unha estrutura pilotada sobre a ría que terá 2,5 metros de ancho
Pola súa banda, a segunda fase destas obras prevé continuar o paseo marítimo da Avenida de Marín cunha senda peonil con carril bici, de 1.246 metros, que aproveitará terreos abandonados e un dos carrís de saída en dirección a Marín que será suprimido.
Esta actuación incluirá ademais a construción dunha nova rotonda nas inmediacións dos antigos terreos de Malvar, na falsa glorieta que acolle actualmente o monumento aos ciclistas falecidos na estrada.
Para o tenente de alcalde en Pontevedra, Tino Fernández, este anuncio amosa que o goberno de Pedro Sánchez "cumpre coas súas promesas" e reactiva un proxecto que "contribuirá a conectar a pé dous municipios irmáns" como son os de Pontevedra e Marín.
Tamén amosou a súa satisfacción ao respecto a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quen subliña que o Goberno central "está traballando arreo para facer realidade este tipo de proxectos tan demandados pola cidadanía".