O paseo peonil a Marín terá que esperar, polo menos, un ano máis

Pontevedra
14 de outubro 2022

A subdelegada do Goberno en Pontevedra indicaba que os técnicos da Xefatura Provincial de Costas advertiron que a parte do paseo que iría pilotada sobre o mar "non ofrecía as garantías de seguridade óptimas para seguir avanzando nese proxecto e por tanto desestimouse"

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, comparecía ante os medios para detallar as partidas asignadas á provincia para 2023 nos Orzamentos Xerais do Estado.

Dado que nos últimos días xa se fixeron públicos estes investimentos, había especial interese en coñecer as razóns polas que determinados proxectos non se contemplaban nos orzamentos estatais.

O segundo tramo do paseo peonil que uniría Pontevedra e Marín sobre a ría é un dos proxectos que se quedou fóra de investimento para 2023. A subdelegada do Goberno entende que "é unha demanda da sociedade pontevedresa e da marinense" e neste sentido explicou as incidencias que impiden a realización da obra.

Larriba sinalaba que o proxecto Pontevedra-Marín se redactou "dentro do propio Ministerio, e concretamente os servizos de proxectos da Xefatura Provincial de Costas". Os técnicos deste servizo foron os que advertiron que a parte do paseo que iría pilotada sobre o mar "non ofrecía as garantías de seguridade óptimas para seguir avanzando nese proxecto e por tanto desestimouse".

O proxecto está actualmente paralizado e por tanto non se podía contemplar nos Orzamentos Xerais do Estado, "onde só se inclúen proxectos executables", afirmaba a subdelegada provincial. O estudo para poder emendar o problema cos pilotes compételle aos técnicos da Xefatura Provincial de Costas, pero Larriba argumentaba que de momento "non dispoñemos de persoal porque se produciron xubilacións de xente moi experimentada dentro da Xefatura".

Descártase, así mesmo, externalizar a redacción deste proxecto e por tanto o avance nas xestións dependerá da reorganización do persoal de Costas e a cobertura das vacantes tras as xubilacións. "O que sabemos é que Servizos Centrais vai asumir a execución" que, dado que non está redactado o proxecto vai ser imposible que se poida executar no próximo ano e por tanto non se contempla nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023.

"Por tanto, como o proxecto non está redactado, non se vai a externalizar e por tanto non hai orzamento para a externalización deste proxecto nin tampouco para a execución. Insisto, constan nos Orzamentos do Estado partidas de proxectos que sexan executables, non poñer por poñer, non aos orzamentos de papel", finalizaba Maica Larriba.

INVESTIMENTOS EN PONTEVEDRA

A subdelegada do Goberno indicaba que os do próximo ano serán "os orzamentos máis sociais". Destacaba, entre outros, os incrementos en partidas destinadas ás  pensións, que na provincia de Pontevedra beneficiaría a 221.000 pensionistas; do ingreso mínimo vital, co que contan máis de 18.000 persoas na provincia; os salarios públicos, que afectarían a 46.000 traballadores a nivel provincial; ou as bolsas, con 20.000 estudantes receptores na provincia.

Achegaba, así mesmo, a desagregación dos principais investimentos directos recollidas no anteproxecto de Lei dos PGE 2023 para Pontevedra e contorna:

  • Xacementos galaico-romanos: 150.000 € (conclusión proxecto)
  • Arquivo histórico Pontevedra:300.000 € (actuación de emerxencia para reparar teitos)
  • A-57 (A Ermida-Pilarteiros): 500.000 € (proxecto)
  • A-57 (A Ermida 6,2 km): 13.072.260 €
  • A-57 (Pilarteiros-Barro): 500.000 € (estudos)
  • Nó de Bombeiros de Pontevedra: 1.500.000 €
  • Escola Naval militar (varios proxectos investigación e laboratorios): 138.000 €
  • UNED Pontevedra (investimento): 53.000 €
  • Parador de Pontevedra: 470.000 €
  • Centro Penal A Lama: 1.233.000 € (reformas e melloras)
  • Cuartel Guardia Civil Cambados: 2.065.000 € (construción)
  • Saneamento Poio: 5.994.000 € (construción)