O longo inverno fixo estragos no paseo fluvial do río dos Gafos, que en ningún momento deixou de ser utilizado polos pontevedreses, pero si se resentiu tanto na senda peonil coma no mobiliario urbano ou os distintos accesos á zona. Para superar ese impacto e recuperar este espazo de ocio para os pontevedreses, o Concello de Pontevedra puxo en marcha un zafarrancho de obras e limpeza cuxo custo se achegará aos 50.000 euros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou estes traballos este venres e explicou que os acomete a Concellaría de Parques e Xardíns co obxectivo de conseguir a reparación e mantemento da senda urbana do Gafos. Acompañado da concelleira Anxos Riveiro, supervisou algunhas desas tarefas, que adoitan facerse no inicio da primavera, pero as chuvias deste ano non o permitiron.
No marco desta actuación, estase a acometer a mellora das escaleiras de baixada á senda dende a praza de Ponte Boleira, reparou a pasarela de madeira baixo a ponte da avenida de Vigo, onde se fixo un chorreo para retirar o verdello, e nestes días estase tratando e colocando faixas metálicas para evitar esvarar nas escaleiras.
Na baixada ao río pola rúa Gorgullón colocouse un sistema de canaletas con rexas que permitirán a recollida das augas pluviais que afectan considerablemente a esta parte da senda, pois o desnivel da senda e a forza das augas pluviais nesta zona fan que se creen fochancas que dificultan o paseo.
Entre os traballos previstos para os vindeiros días está previsto actuar na pasarela que conecta a senda coa traseira da avenida da Estación e continuarase coa instalación dunha malla vexetal orgánica para conter a terra na ribeira do río. Nestas zonas farase unha plantación propia da ribeira do Gafos con exemplares arbustivos de pequeno tamaño.
A intervención incluirá unha revisión de todo o mobiliario urbano do parque coa retirada daqueles elementos que estean en mal estado, a restauración dos que aínda sexan aproveitables e a colocación de novo mobiliario cando sexa preciso. Bancos e papeleiras están especialmente danados polas riadas.