O paseo entre A Lanzada e Portonovo contará cunha nova senda para peóns e ciclistas de 1,2 quilómetros

Sanxenxo
11 de setembro 2016

A Xunta de Galicia licitará este luns 12 de setembro unha nova senda peonil na estrada PO-308 que rematará na praia de Major. Dará continuidade ao tramo que xa se está a facer entre A Lanzada e Soutullo e que estará rematado na próxima primavera

Novo tramo da senda peonil entre A Lanzada e Portonovo
Novo tramo da senda peonil entre A Lanzada e Portonovo

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia licitará este luns 12 de setembro unha nova senda peonil na estrada PO-308, entre A Lanzada e Portonovo, que rematará na praia de Major. Dará continuidade ao tramo que xa se está a facer entre A Lanzada e Soutullo desde o mes de abril, do que xa vai executado o 25% e que estará rematado na próxima primavera.

Según a información facilitada pola Xunta, esta actuación conta cun orzamento de máis de 820.000 euros, que serán cofinanciados con Fondos Feder. Terá unha lonxitude de 1,2 quilómetros e pola marxe esquerda da estrada (do lado do mar) proxéctase unha senda en formigón para uso de peóns e ciclistas, separada da calzada mediante un separador verde. Pola marxe dereita, executarase tamén unha senda peonil, que se inicia en Soutullo e finaliza tras pasar o circuíto de karts. 

A senda terá un ancho entre 3 e 4,3 metros e un prazo de execución de 12 meses. Construirase dende a glorieta que se está a executar en Soutullo ata a entrada á praia de Major.

Para regularizar a situación de aparcamento dos vehículos sobre a beiravía e marxes da estrada na zona desta área de ocio, habilitarase unha banda de aparcadoiro entre a calzada e a senda aproveitando a beiravía actual. Poderán sinalizarse no tramo 121 prazas de aparcadoiro, catro delas para persoas de mobilidade reducida.

A Xunta tamén anunciou esta fin de semana que se está a redactar o proxecto construtivo do terceiro e último treito da senda, o que unirá Major e Portonovo para completar o itinerario peonil e ciclista entre A Lanzada e Portonovo, de acordo con previsto no Plan de Sendas de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para a comarca do Salnés.