O 'pasaporte covid' seguirá vixente en Galicia, polo menos, ata o 12 de febreiro

Pontevedra
28 de xaneiro 2022

Aínda que gran parte das restricións aprobadas pola alta incidencia da variante ómicron xa decaeron, hai unha que Galicia seguirá mantendo vixente. Trátase do 'pasaporte covid'. O seu uso vén de ser prorrogado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ata o 12 de febreiro

Cliente mostrando o seu certificado de vacinación na hostalería
Cliente mostrando o seu certificado de vacinación na hostalería / Cristina Saiz

Aínda que gran parte das restricións aprobadas pola alta incidencia da variante ómicron xa decaeron, hai unha que Galicia seguirá mantendo vixente. Trátase do 'pasaporte covid'. O seu uso vén de ser prorrogado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ata o 12 de febreiro.

Así, seguirá sendo obrigatorio a esixencia de presentar o certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería e de lecer nocturno durante todo o horario de apertura.

Esta medida esténdese tamén a ximnasios e piscinas cubertas, a eventos multitudinarios, a lugares nos que se venda comida e bebida e a albergues turísticos. Ademais, a documentación será requirida ás visitas dos doentes ingresados en hospitais e residencias.

O TSXG destaca que esta medida se manterá o tempo "imprescindible" para mellorar a situación epidemiolóxica de Galicia, a cal recorda o tribunal "se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico".

Os maxistrados salientan que o seu propósito é "defender a saúde pública malograda pola pandemia" e aseguran que, tal e como se fundamenta no informe técnico achegado pola Xunta, a presentación deste pasaporte permite o mantemento de capacidades e o normal desenvolvemento de determinadas actividades nas que hai risco de contaxios.

A idoneidade da medida, segundo explica o tribunal na resolución, non queda invalidada polo feito de que este documento non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, xa que os informes científicos avalan que esta medida preventiva "permite reducir o risco" de transmisión do virus.

O TSXG, ademais, lembra a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro na que insiste en que a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade e a máis reducida ocupación hospitalaria e das UCI, "non xustifican prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado".