O Partido Socialista duda dos cartos que comprometeu ENCE para ampliar a depuradora dos Praceres

Pontevedra
21 de novembro 2016

Os socialistas galegos presentarán unha pregunta oral ao goberno galego sobre o anuncio de investimento de máis de 15 millóns de euros para ampliar a infraestrutura

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia

A parlamentaria socialista Patricia Vilán levará a ampliación da depuradora dos Praceres ao primeiro pleno da lexislatura, que comeza este martes 22 de novembro. Os socialistas galegos presentarán unha pregunta oral ao goberno galego sobre o anuncio de investimento de máis de 15 millóns de euros para ampliar a infraestrutura.

Patricia Vilán lembra que a planta depuradora supramunicipal dos Praceres, que está xestionada directamente por Augas de Galicia, encárgase do tratamento das augas residuais urbanas da capital da provincia, xunto coas de Marín e parte dos municipios de Poio, Sanxenxo e Vilaboa.

Tamén sinala que en Pontevedra, aínda está sen completar a rede de saneamento do rural, "a pesares de ter asinado un protocolo coa Xunta de Galicia que xa derivara na sinatura de dous convenios por valor de 4 e 10 millóns de euros".

"E como consecuencia", din dende o PSdeG, a ría de Pontevedra vén soportando un tratamento de augas residuais "excesivo", ademais de "padecer unha deficiente depuración" ao non estar rematadas as redes de colectores nin as estacións de tratamento previstas. Tanto é así que, dende finais de 2014, unha parte moi importante dos bancos marisqueiros adscritos ao pósito de Raxó xa foran declarados zona C.

A comezos de 2016, o presidente da Xunta de Galicia anunciaba un investimento de máis de 15 millóns de euros para ampliar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Poucos días despois destas declaracións de Feijóo, a empresa Ence acordaba coa conselleira de Medio Ambiente comprometer apoio económico a esta actuación de ampliación da Edar; en concreto, ata 15 millóns de euros.

Engaden que en xuño deste ano, a conselleira en funcións de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o conselleiro delegado de Ence, "baixo a atenta mirada de Alfonso Rueda", firmaban un "pacto ambiental" que compromete á pasteira a investir 193,6 millóns de euros nos vindeiros catro anos. Un dos seus obxectivos é a mellora da depuradora dos Praceres, que sería ampliada e modernizada a través dun convenio propio que se firmaría en tres meses "ou iso se dicía hai tres meses".

Por todo o exposto, a deputada Patricia Vilán preguntará no Parlamento se "son certas as declaracións do presidente da Xunta de Galicia dun investimento de máis de 15 millóns de euros para ampliar a estación depuradora dos Praceres, en Pontevedra".