O Partido Popular insta á presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, a que asuma as súas competencias en materia de incendios e achegue o diñeiro para que se comarcalice o Parque de Bombeiros de Pontevedra.
O portavoz do grupo popular, Ángel Moldes, sinalaba que non se lle está pedindo "algo extraordinario" porque, alega, que as competencias en concellos de menos de 20.000 habitantes corresponden á administración provincial. Apunta, ademais, que os alcaldes da zona son os primeiros interesados na comarcalización do parque pontevedrés e rexeita a idea que manexa o goberno da Deputación de crear un subparque no polígono do Campiño.
Os populares critican da presidenta provincial que fala moito pero non soluciona nada e lémbranlle que aínda non mostrou os informes sobre xestión directa dos parques "que supostamente tiña". Reclaman unha planificación clara sobre este tema e o compromiso firme da Deputación e unha achega económica.
Moldes asegura que mentres a Xunta de Galicia e os alcaldes da comarca de Pontevedra manteñen unha posición clara respecto da comarcalización, a Deputación "como sempre di unha cousa por diante, e fai a contraria por detrás", conclúe.