O parricida de Moraña comparecerá por videoconferencia ante o xulgado de Caldas o 31 de xaneiro

Umia
20 de xaneiro 2017

Esta comparecencia producirase no transcurso da audiencia preliminar que establece a Lei do Xurado como trámite previo ao auto de apertura de xuízo oral, isto é, o último trámite xudicial a realizar polo xulgado instrutor antes de que se abra a fase de xuízo na que Oubel será xulgado pola Audiencia Provincial.

Paso a disposición xudicial do presunto parricida de Moraña
Paso a disposición xudicial do presunto parricida de Moraña /

O presunto autor do dobre parricidio das súas fillas de 4 e 9 anos en Moraña, David Oubel Renedo, comparecerá ante o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis o próximo 31 de xaneiro. Non o fará en persoa, senón a través de viodeconferencia desde o cárcere de León na que se atopa en situación de prisión preventiva á espera de xuízo.

Segundo informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), esta comparecencia producirase no transcurso da audiencia preliminar que establece a Lei do Xurado como trámite previo ao auto de apertura de xuízo oral, isto é, o último trámite xudicial a realizar polo xulgado instrutor antes de que se abra a fase de xuízo na que Oubel será xulgado pola Audiencia Provincial.

O acusado debe estar presente no momento en que o xuíz instrutor lle comunique que será xulgado por un tribunal popular, pero non é necesario que o faga en persoa, senón que é suficiente con que o faga por videoconferenica e asistido polo seu avogado.

Este trámite implica que o xuízo a David Oubel será xa cuestión de pouco tempo. Un xurado decidirá previsiblemente ao longo do primeiro semestre deste ano 2017 sobre a súa culpabilidade neste crime que o 31 de xullo de 2015 conmocionou a toda España pola súa brutalidade. Segundo consta no escrito de acusación redactado pola Fiscalía, Oubel matou as súas fillas con crueldade utilizando unha radial e, antes de facelo, drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores".

O fiscal cualifica os feitos como dous delitos de asasinato con aleivosía agravados polo feito de que as vítimas son menores e nos que concorre a circunstancia agravante de parentesco. Pide que sexa condenado á pena de prisión permanente revisable, converténdoo no primeiro caso en España o que se aplicaría esta condena recollida na última reforma do Código Penal.

O fiscal pide que se lle aplique a prisión permanente revisable e tamén que se lle impoñan a prohibición de aproximarse á súa exmujer e nai das falecidas ou comunicarse con ela por calquera medio -verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático- durante 30 anos. Tamén pide que sexa condenado a indemnizala con 245.000 euros.

Arquivado en