O parque inmobiliario de Pontevedra crecerá con 25 novas vivendas en Poza dos Canos

Pontevedra
14 de decembro 2023

O mercado inmobiliario segue impulsando novas promocións de vivendas na cidade de Pontevedra, o que para o goberno municipal é síntoma do atractivo que ten a Boa Vila para residir nela e da actividade económica que se xera

Edificio en construción na zona de Tafisa
Edificio en construción na zona de Tafisa / Mónica Patxot

O mercado inmobiliario segue impulsando novas promocións de vivendas na cidade de Pontevedra, o que para o goberno municipal é síntoma do atractivo que ten a Boa Vila para residir nela e da actividade económica que se xera.

O último dos proxectos aprobados pola Xunta de Goberno, tras o seu paso polos servizos de urbanismo, é o dun novo edificio que se construirá no número 8 da Rúa Poza dos Canos, entre Eduardo Pondal e Joaquín Costa.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que o Concello concedeu a licenza para construír un inmoble que acollerá ata 25 vivendas, unha delas na planta baixa do edificio, que terá seis plantas, baixo cuberta e tres sotos.

Trataríase da segunda fase dunha promoción que xa se está construíndo na zona.

A Xunta de Goberno, entre outros asuntos, tamén aprobou este xoves a subvención de 250.000 euros para as escolas deportivas municipais durante a tempada 2023-2024.

Ademais, acordou iniciar os trámites para a contratación do servizo de mantemento do Local de Música, que sairá a licitación por tres anos e un montante de 428.000 euros, a razón duns 143.000 euros anuais. Poderá ser prorrogado por dous anos adicionais.