O parque infantil do Paseo das Redeiras, rumbo a unha nova etapa sen moverse de Combarro

Poio
12 de maio 2023

Marga Caldas lembrou que a intención inicial do Concello era trasladar este espazo de lecer a un lugar máis próximo ao núcleo e á Praza da Chousa, pero Portos de Galicia, Administración titular da zona portuaria, non lle dou opción. Agora van instalar as unidades rehabilitadas e novo mobiliario para substituír o que se atopaba en mal estado

Parque infantil do Paseo das Redeiras
Parque infantil do Paseo das Redeiras / Concelloo de Poio

O parque infantil do Paseo das Redeiras, situado nas proximidades do porto de Combarro, está en obras e acaba de poñer rumbo a unha nova etapa de renovación pero sen moverse do seu sitio.

Segundo a información facilitada polo Concello de Poio, xa comezaron os traballos de mellora e renovación do parque.

A edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembrou que a intención inicial do Concello era trasladar este espazo de lecer a un lugar máis próximo ao núcleo e á Praza da Chousa, pero Portos de Galicia, Administración titular da zona portuaria, non lle dou opción. 

O Concello chegou a desmontar os aparellos e agora, ante esta situación, procederá á instalación das unidades rehabilitadas e á dotación dun novo mobiliario que tamén serve para substituír o que se atopaba en mal estado.

"Se a postura de Portos é afogar Combarro, a nosa obriga é dotar á veciñanza de servizos" recalcou a concelleira, que lembrou que a poboación máis nova da zona precisa este tipo de espazos. 

Ademais, lembra que o Concello enviou varios escritos a Portos de Galicia para que respondera á petición formulada en febreiro do ano pasado, para contar coa concesión demanial dos terreos situados en dominio público portuario no Paseo das Redeiras. 

Finalmente, ante a negativa dada por parte Administración autonómica para trasladar o parque e aproveitar a zona para ampliar prazas de estacionamento, finalmente optouse por acelerar a instalación dos aparellos no seu emprazamento inicial. 

A edil nacionalista prevé que os traballos finalicen en poucos días, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.