O Concello de Poio ten previsto impulsar un proxecto para dotar de cuberta o parque infantil de Rosalía de Castro, nas proximidades de Ferreirós.
O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez, explica que a actuación serviría non só para mellorar a instalación, senón tamén para ofrecer á veciñanza a posibilidade de darlle uso "cando as condicións meteorolóxicas non sexan as mellores", toda vez que os usuarios quedarían a resgardo da choiva e gozarían dun espazo de sombra no verán.
As obras financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra correspondente á convocatoria de 2022.
O orzamento ascende a preto de 180.000 euros. Tal e como consta na memoria técnica, a actuación non se limitaría exclusivamente á dotación da cuberta, senón que tamén se contemplan outras melloras adicionais, como a renovación da superficie e a dotación de novos elementos de xogo, completando deste xeito a modernización da infraestrutura.
O concelleiro de Medio Ambiente destaca a importancia que ten para o Concello a realización deste tipo de proxectos, que garantan a dotación de espazos ao aire libre e áreas de esparcemento nas que se poidan realizar hábitos saudables, "especialmente cando falamos das nosas crianzas".
Neste sentido, Xosé Luís Martínez destaca a importancia de facer este investimento no parque de Rosalía de Castro, toda vez que "estamos a falar dun punto de encontro para un gran número de rapaces e rapazas, que se sitúa nunha das zonas máis céntricas da parroquia de San Salvador, que conta na actualidade con máis de 7.500 habitantes".
O responsable do departamento municipal aposta por continuar nesta liña de traballo, que tamén está a levar ao Concello á dotación doutros espazos similares, como é o parque de calistenia de Lourido, que se prevé que estea listo en breve.
A Concellería de Medio Ambiente xa está traballando na tramitación do proxecto, de xeito que, unha vez culminado todo o proceso administrativo, os traballos poidan comezar canto antes e se completen no menor tempo posible.