O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores visitou este xoves o monte da Tomba, na parroquia de Campañó, acompañado do concelleiro da área, Alberto Oubiña e de responsables da comunidade de montes e da empresa adxudicataria, Elsamex que está acondicionando o segundo parque forestal de Pontevedra. A visita está enmarcada dentro dos últimos traballos de limpeza que se realizan no monte, antes de chegue a tempada de plantación (a partir de outubro) e o fin do proxecto que se asinará no mes de decembro.
O alcalde comprobou os traballos de roza, algunhas plantacións e tamén as alpacas que se están a facer coas estacas que se retiran da ladeira do monte con maior pendente, e que servirán para biomasa.
Grande parte dos traballos do novo parque forestal da Tomba están realizados. Queda pendente a retirada de madeira en 5 ou 6 hectáreas da parte alta do monte, así como as últimas plantacións de castiñeiros, carballo de variedade pirenaica, sobreiras nas zonas de rocha e unha plantación experimental de 3.000 oliveiras. O proxecto contempla a plantación de 25.000 árbores, ademais doutras especies de arbustos como acivros.
A plantación farase a partir do mes de outubro, cando volvan as chuvias e o frío. Cabe lembrar que na tempada da primavera, cando estaba previsto continuar coas plantacións do parque forestal, houbo que suspendelas con motivo da pandemia da Covid-19, e despois non se puideron retomar na súa totalidade ao pasar a estación idónea para facer estes traballos.
Unha vez rematadas os labores silvícolas, está previsto crear sendas para poder chegar ao cumio do parque forestal evitando a estrada e facer máis agradábel o paseo.
De cara ao ano que vén, a Concellaría de Montes que xestiona Alberto Oubiña xa traballa na creación dun contrato para o mantemento do parque forestal. O alcalde explicou que era moi importante nos vindeiros 5 anos (cando menos) para continuar retirando o eucalipto e tamén as acacias.
Fernández Lores quixo aclarar que todos os traballos que se levan facendo na Tomba foron a man e non se empregou ningún tipo de produto químico para a erradicación de especies invasoras para evitar a contaminación do gran número de captacións de auga da zona.
PARQUE DE A TOMBA
O parque forestal da Tomba ocupa 62 hectáreas e contará con 17 quilómetros de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo.
O novo parque periurbano ten 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de frondosas (castiñeiros e carballos) 3 hectáreas de oliveiras e 15 hectáreas de bosque mixto.
Na parte alta terá un miradoiro sobre Pontevedra. O proxecto ten un orzamento de 372.254 euros que executa a empresa Elsamex.
O parque forestal periurbano de A Tomba é o segundo do concello despois do de Pontillón do Castro, en Verducido. É o máis próximo á cidade: a 4 km de distancia da praza da Peregrina.