O parque empresarial de Nantes será a sede dun innovador proxecto para fabricar baterías de uso residencial

Sanxenxo
13 de xuño 2021

A empresa Inelsa, en colaboración con dous investigadores de Enercraft,  fabricará baterías asequibles para almacenar enerxía solar

Vista aérea do parque empresarial de Nantes
Vista aérea do parque empresarial de Nantes / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo ten motivos para ilusionarse con novos proxectos económicos que contribuirán a complementar o que é a súa principal actividade económica, o turismo. 

Pouco máis de 2 anos despois da posta en marcha do parque empresarial de Nantes instaláronse no recinto empresas punteiras nos seus respectivos sectores. É o caso de Inelsa, empresa do sector eléctrico que naceu en Sanxenxo en 1986 e desde entón creceu de maneira importante grazas á súa capacidade de servizo e innovación. Pioneira na enerxía solar participou no deseño e instalación de grandes parques fotovoltaicos en catro continentes.

Hai 35 anos a familia Domínguez creou un humilde negocio que décadas despois converteuse nunha empresa cunha gran presenza internacional e un plantel de traballadores de 116 persoas. A súa sede administrativa está en Aios, Noalla e tamén dispón dunhas novas instalacións no parque empresarial de Nantes. Ao longo da súa traxectoria participou no deseño de instalacións eléctricas, convencionais e de enerxía solar, en máis de 35 países. Reino Unido, Francia, Italia, Bulgaria, Dubai, Kuwait, Canadá,
Arxentina, Chile, México, Marrocos, son algúns deles.

A empresa dá un paso máis na súa política de I+D+i e aposta pola fabricación de baterías de uso residencial con capacidade para almacenar ata 10 KW de enerxía solar. Para facer realidade este proxecto conta coa colaboración de dous investigadores, un cambadés e un arxentino, da empresa Enercraft. O obxectivo é sacar ao mercado baterías destinadas ao uso residencial, intelixentes e interconectables, pero que á vez sexan alcanzables en prezo e, por tanto, amortizables en poucos anos.

Nestes días que tanto se fala da subida da luz coñecemos un proxecto que axudará a aforrar na factura e que, ademais, contribúe a diminuír as emisións de CO2. Segundo defenden desde esta firma, na próxima década as baterías para almacenar enerxía solar converteranse nun electrodoméstico máis da casa.

O goberno local do alcalde Telmo Martín móstrase "moi orgulloso" de que "unha empresa de Sanxenxo impulse unha iniciativa que mellora a calidade de vida das persoas e contribúe a diminuír o quecemento global".