O parque arqueolóxico de Campo Lameiro programa catro cursos formativos para 2017

Umia
08 de marzo 2017

A formación será unha materia transversal nas actividades do parque arqueolóxico de Campo Lameiro durante 2017. Catro cursos formativos celebraranse nas súas instalacións, que contarán con 140 prazas para público profesional e afeccionado á arte rupestre

Participantes nun curso de formación do parque arqueolóxico de Campo Lameiro
Participantes nun curso de formación do parque arqueolóxico de Campo Lameiro

A formación será unha materia transversal nas actividades do parque arqueolóxico de Campo Lameiro durante 2017. Catro cursos formativos celebraranse nas súas instalacións, que contarán con 140 prazas para público profesional e afeccionado á arte rupestre.

O primeiro deles será o 8 de abril. Trátase de Narrativas da arte rupestre galega, que será impartido por investigadores do ámbito dos petróglifos de Galicia e o norte de Portugal. 

Participarán dous docentes lusos, Manuel Santos Estévez (Universidade do Minho) e Lara Alves (Universidade de Coimbra), e outros tres galegos: Carlos Rodríguez Rellán (USC) e Roberto Vázquez Rozas e Beatriz Comendador (Universidade de Vigo). Tamén estarán o director do parque, José Manuel Rey García, e Antonio de la Peña, conservador do Museo de Pontevedra.

A seguinte actividade formativa será Metodoloxías e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos da arte rupestre, que se celebrará entre os días 12 e 14 de maio.

Fernando Carrera, especialista en conservación da arte prehistórica, impartirá un curso de 20 horas para preparar aos profesionais da restauración e arqueoloxía na protección e conservación dos petróglifos, levándose a cabo unha práctica na área arqueolóxica do parque.

Pola súa banda, o seguinte curso tamén terá un horizonte práctica e para profesionais ou afeccionados a fotografía. Trátase de Técnicas de documentación tridimensional sobre arte rupestre, que terá lugar os días 8 e 9 de xullo. José Pereira será quen presente os fundamentos da fotografía e fotogrametría dunha maneira sinxela e dinámica.

A última actividade formativa consiste no desenvolvemento nunha xornada profesional de Turismo Arqueolóxico, o 7 de outubro, da man dos principais expertos en turismo arqueolóxico: Jordi Juan Treserras (Universidade de Barcela-Ibertura), Ramón Montes Barquín (Camiños da Arte Rupestre Prehistórica), Antonio Martinho Baptista (director do Museo do Val do Côa), Pilar Fatás (directora do Museo de Altamira).

Esta proposta, segundo destacan desde o parque, combina as necesidades formativas de profesionais da xestión do patrimonio arqueolóxico coa querenza da cidadanía por coñecer o seu patrimonio cultural.

Arquivado en